A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena imposta pola Audiencia Provincial da Coruña ao porteiro dunha discoteca de Santiago. O traballador foi considerado autor dun delito leve de malos tratos en concurso ideal cun delito leve de lesións constitutivas de deformidade causadas por imprudencia menos grave. Isto se debe a que propinou un empuxón a un cliente ao que impediu o paso ao establecemento en agosto de 2019. A vítima caeu ao chan e foi atropelada por un coche. O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, impúxolle o pagamento dunha multa de 1.080 euros, así como dunha indemnización de 10.147 euros.
A Sala considera probado que o porteiro requiriu ao denunciante para que saíse do local, ao queixarse unha camareira do seu comportamento, e o acompañou ata o exterior do establecemento. Na sentenza, ratificada polo TSXG, os maxistrados explican que unha vez alí, estando ambos na beirarrúa contigua ao local, o cliente, que se atopaba “fortemente intoxicado polas substancias que inxerira esa noite”, tentou volver ao interior do establecemento, o que o acusado non lle permitiu. Ao insistir e facer o ademán de tentar entrar, o condenado, segundo a Sala, “propinoulle un empuxón non especialmente forte, pero que fixo que saíse impulsado cara atrás e retrocedese, cambaleándose ata caer sobre a calzada, por onde pasaba nese mesmo momento un vehículo”.
A condutora, a pesar de frear rapidamente, non puido evitar atropelalo, segundo a resolución. Para a recuperación das lesións, a vítima requiriu 48 días, 10 dos cales estivo impedida para desenvolver a súa ocupación habitual e un deles foi de ingreso hospitalario. Como secuelas réstanlle, ademais da perda dunha peza dental e danos nos dentes, cicatrices no segundo dedo da man e na crista ilíaca esquerda.