O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado cun orzamento de tres millóns de euros
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe o local social da asociación veciñal de Beade.
Este espazo mellorouse co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. O Goberno galego investiu 15.000 euros en obras para a instalación dunha plataforma elevadora e na dotación de equipamento informático para as aulas.
Segundo explicou a directora xeral, achegáronse por unha banda 12.000 euros para a mellora da accesibilidade do edificio, o cal conta agora cunha plataforma elevadora que permite salvar a altura que hai entre a rúa e a primeira planta do local. Desta forma, Facilítaselles o acceso ás actividades organizadas pola asociación a persoas maiores ou con mobilidade reducida.
Por outra banda, destináronse 3.000 euros a melloras de equipamento, como material informático.
Estas axudas súmanse ás concedidas en exercicios anteriores, con contías tamén de 12.000 euros para obras e de arredor de 3.000 para equipamento. As achegas permitiron mellorar, por unha banda, as condicións das instalacións con novas fiestras e con novo pavimento e, por outra, as dotacións das aulas.
Deste xeito, asociación veciñal de Beade recibiu nos últimos anos máis de 45.000 euros no marco desta liña de apoio específica para as entidades locais.