A Xunta anima ás entidades da Alianza galega polo clima a recorrer á oficina técnica da iniciativa para aproveitar as sinerxías fronte ao quecemento global e fortalecer a colaboración pública-privada para reforzar a resiliencia da Comunidade. Durante a súa intervención na clausura do I Congreso Ferrolterra sostible, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que as entidades adheridas a esta iniciativa teñen á súa disposición unha oficina de apoio en liña. Así mesmo, a súa finalidade é acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental que permitan avanzar cara á neutralidade climática.
“A loita contra o cambio climático é un compromiso transversal, conxunto e coordinado das administracións e do tecido produtivo e social da Comunidade para multiplicar o efecto das accións individuais”, engadiu Ángeles Vázquez. A conselleira fixo fincapé en que Galicia leva anos traballando nese eido e, de feito, xa deu pasos importantes. Así, puxo como exemplo que se converteu na rexión na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (58,8%) desde 1990. Este dato supera o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europa para 2030.
Nesa liña, a conselleira apelou á Responsabilidade Social Empresarial para “continuar traballando da man” de cara a acadar unha economía baixa en carbono. Tamén fixo referencia a unha eficiencia enerxética, unha mobilidade sostible e unha xestión responsable dos residuos. Ademais, incidiu na importancia de concienciar á sociedade sobre a necesidade de protexer o noso medio ambiente.
Para concluír, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso de Ferrol na loita contra o cambio climático. Tal e como lembrou a conselleira, a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao aposta por un crecemento sostible da actividade portuaria, loxística e industrial.