jueves, noviembre 21, 2024
InicioA terraA nosa culturaO cuarteto de gaitas 'Redemuíños' gaña o LVI Concurso de Gaitas do...

O cuarteto de gaitas ‘Redemuíños’ gaña o LVI Concurso de Gaitas do País de Ponteareas

O grupo mosense Redemuíños recolleu da man da alcaldesa Nava Castro e do tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, a gaita realizada polo artesán ponteareán José Gil e o premio de 2.000€ ao resultar gañadores do LVI Concurso de Gaitas do País de Ponteareas.

O certame máis antigo de Galicia reuniu a un xurado experto e de luxo como José Manuel Gil, Antonio Gutiérrez, Brais Monxardín, Edelmiro González e Andrés Vilán que acordaron outorgar o cuarto posto ao grupo de Tomiño Amalloas con 700€; o terceiro dotado de 1.000€ a Lume de Cana de Vigo e o segundo premio dotado de 1.500€ e tamboril de Sanín a Algarabía de Verín.

A Muiñeira Lixeiriña de Xosé Bandín e a xota de Riotorto recollida por Florencio o cego dos Vilares interpretada polos gaiteiros Roi González e Serxio Estévez, polo bombeiro Adrián Pereira e polo tamborileiro Juan Manuel Pérez, todos de Redemuíños cautivaron aos membros do xurado.

Durante o concurso de gaitas rendeuse homenaxe a Manuel Alonso tamborileiro de Noitarega, mestre de gaiteiros e membro ao longo de moitas edicións do certame. En presenza da súa familia proxectouse un vídeo que recollía brevemente a súa traxectoria e importancia no eido da música tradicional. O cuarteto Contracocheno, participante noutras edicións deste concurso e moi vencellado ao homenaxeado ofreceu un breve concerto mentres o xurado deliberaba.

A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa agradecen o traballo do xurado e dos grupos participantes así como do público presente que encheu o auditorio municipal Reveriano Soutullo. Dende o escenario alcaldesa e tenente de alcaldesa adiantaron que «seguirán apoiando as iniciativas que reforcen e difundan o folclore popular e a tradición gaiteira de Ponteareas e adiantaron estar abertos a innovacións que promovan a participación e engrandezan este concurso».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS