Carteiros de Lalín e de Santiago de Compostela mobilizáronse hoxe de novo ás portas do edificio da Xefatura de Zona na capital galega. A finalidade era rexeitar a política de destrución de emprego da compañía pública e denunciar que estas unidades se atopan sen persoal suficiente.
A protesta, que contou unha vez máis co apoio da CIG-Correos, coincidiu coa festividade local na capital do Deza e tivo lugar “diante da pasividade e desleixo que están a amosar dende a cúpula directiva da maior empresa pública do Estado español, desoíndo sistematicamente as reivindicacións laborais do cadro de persoal”.
Os traballadores da Unidade de Reparto de Lalín amosan o seu descontento coa política de destrución de emprego que está a levar a cabo Correos na comarca do Deza. Ademais, denuncian a intención de suprimir definitivamente as catro vacantes que veñen asumindo dende hai meses na unidade.
De igual xeito, a Unidade de Reparto 1 de Santiago estivo durante boa parte do verán por debaixo do 50% do cadro de persoal. Isto supuxo que nos meses de xullo e agosto se acumulase gran cantidade de correspondencia. Nalgunhas datas do mes de xullo chegaron a contabilizarse máis de 10.000 obxectos sen repartir.