Broche de ouro en Redondela de Eureka Reto Rural con récord absoluto de participantes. Máis de 320 persoas se inscribiron na última proba deste proxecto de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que durante os meses de verán xerou espazos de lecer para coñecer os 14 concellos do territorio dun xeito ameno, divertido e interactivo.
O equipo «Los Caspers» foi o gañador do escape room no que as e os participantes desfrutaron na vila redondelá dunha nova proposta a través da que foron descubrindo o rico patrimonio histórico, cultural e natural do municipio. O premio foi unha estancia con aloxamento e almorzo para seis persoas nos apartamentos turísticos Alto da Pousa, en Tomiño. Por outra banda, os grupos «Yulin», «Family» e «Los Conquistadores» foron os gañadores do lote de produtos do territorio sorteado polo Concello de Redondela entre todos os equipos participantes.
As persoas que non puideron asistir esta fin de semana ao encontro en Redondela poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.