Os hoteis galegos incrementaron o pasado mes de agosto un 8,5% a súa rendibilidade e acadaron máximos históricos de ingresos hoteleiros, ata chegar aos 81,6 millóns de euros nese mes, cifra un 6% superior ao ano pasado. Así se desprende dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O segmento hoteleiro rexistrou en concreto, preto de 768.000 viaxeiros aloxados e 1,7 millóns de noites, en ambos casos máximos da serie histórica e cifras que superan os valores do mesmo mes do ano pasado nun 6,6% e nun 3,5% respectivamente. Supón tamén que os hoteis e pensións medraron en agosto por riba da media española.
Ese mes, dúas de cada tres noites nos hoteis e pensións de Galicia corresponderon aos españois que veñen de fóra da comunidade, a porcentaxe máis alta dos últimos meses. Con todo, e na liña do que vén sucedendo este ano, en agosto tamén medra o mercado internacional, que consolida catro anos consecutivos de crecemento da demanda. En concreto, medra un 6% e acada un máximo da serie histórica con 355.000 noites neste segundo mes do verán.
De xeito acumulado dos oito primeiros meses do ano, o sector hoteleiro continúa a avanzar de xeito cualitativo. Coas cifras ata agosto, estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 297 millóns de euros no conxunto deses meses do ano, cifra que supera o dato do pasado ano nun 7,0%, así como o valor previo á pandemia, no ano 2019, cando se facturaban 220 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade. Marca, con isto, a cifra máis elevada da serie histórica.