CIG-Saúde ten demandado que a negociación das condicións da xubilación do persoal da sanidade pública tiña que facerse no ámbito da negociación do Novo Estatuto Marco. A Conferencia Intersindical denuncia que nin o Ministerio de Sanidade nin as organizacións sindicais CCOO e UGT quixeran entrar na negociación deste tema no último ano e agora chegaron a un acordo. Este documento sella a reforma das pensións asinado polo Goberno, CCOO, UGT e a patronal española, negociado no chamado ”dialogo social” que exclúe á representación legal das persoas traballadoras da sanidade pública.
A organización asegura que o acordo, aínda non é público, non responde ás necesidades das persoas traballadoras da sanidade pública polos datos avanzados. Fronte a este acordo, a CIG-Saúde demanda que sexa o Novo Estatuto Marco o que recolla as condicións de xubilación do persoal estatutario. Solicitan que se recolla a xubilación parcial aos 61 anos como un dereito para o conxunto do persoal Estatutario.
Ademais, piden a necesidade de retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67 e que sexa voluntaria para aquelas persoas traballadoras que a calquera idade teñan acreditados 35 anos de cotización á Seguridade Social. Tamén solicitan unha mellora que permita o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores ao persoal da sanidade pública polas súas condicións de traballo perigosas, tóxicas e penosas.