jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasAs mulleres do deporte de Redondela protagonizan as novas axendas escolares

As mulleres do deporte de Redondela protagonizan as novas axendas escolares

Paula Domínguez Encinas, Elena Casal Fernández, Conchy Martínez Carballo, Carla Abad Alonso, Alba Fernández López e Antía Domínguez Rodríguez son as deportistas principais desta publicación

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, visitaron hoxe o CEIP Outeiro das Penas, de Cesantes, onde presentaron as axendas escolares para o curso 2024/25. O Concello agasallou con elas a todo o alumnado de Primaria dos centros públicos do municipio. Son en total 1.300 axendas que acompañarán ás crianzas ao longo de todo o curso. Este ano, as protagonistas son mozas e mulleres de Redondela que destacan no mundo do deporte. Trátase da futbolista Paula Domínguez Encinas, “Pauleta”, a piloto Alba Fernández López, a remeira Antía Domínguez Rodríguez, a ex xogadora e técnica de balonmán Carla Abad Alonso, a árbitra de fútbol Elena Casal Fernández e a árbitra internacional de Taekwondo Conchy Martínez Carballo.

Rivas sinalou que estas seis mulleres “son unha escolma do talento feminino co que conta Redondela no mundo do deporte, e desde o goberno local cremos que é importante visibilizar o seu traballo e os seus éxitos para que sirvan tamén como referente”. Para a alcaldesa é importante que estas axendas “sirvan tamén para fomentar a igualdade de xénero e de oportunidades en todos os eidos e rachar cos estereotipos”.

Na presentación celebrada hoxe participaron tamén dúas das protagonistas destas axendas, Elena Casal e Conchy Martínez, que falaron cos nenos e responderon ás súas preguntas. As dúas árbitras amosáronse “orgullosas” por este recoñecemento á súa traxectoria no mundo do deporte. Para Conchy Martínez “é moi importante poñer en valor o deporte feminino, xa temos avanzado moito en materia de igualdade, pero aínque queda traballo por diante”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS