Autorízanse as expropiacións para executar un itinerario de preto de 1 quilómetro na marxe dereita desta vía, para a disposición dun novo espazo seguro para o tránsito peonil e independente da calzada nunha zona de vivendas e acceso ao colexio Cruz de Budiño
O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de trazado para executar unha senda peonil na estrada autonómica PO-407, no concello do Porriño.
Así, o investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación de mellora da seguridade viaria, especialmente para os peóns, será de 425.000 euros no que se inclúe o pagamento dos 32 predios necesarios para executar a obra.
Mediante esta actuación, trátase de executar un itinerario de preto de un quilómetro de lonxitude na marxe dereita da PO-407, que discorre integramente polo municipio pontevedrés e conta cun tráfico maioritariamente local.
A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Executivo autonómico leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención.
A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunha senda en formigón coloreado de ancho mínimo de 1,80 metros.
De cara a facilitar a accesibilidade, nos vaos peonís previstos, colocarase pavimento táctil de botóns ou direccional. O pavimento táctil, indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade.
As obras previstas inclúen melloras da seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes. Por último, a intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, a mellora dos sistemas de drenaxe, a recolocación de contenedores de residuos, sistemas de contención, construción de muros e reforzo da sinalización.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas convocará o levantamento de actas previas das expropiacións e licitará as obras no primeiro semestre de 2025. O prazo para acometer os traballos é de 8 meses.