A Orquesta Clásica de Vigo é a decana de Galicia. Un proxecto que en 2024 cumpre 40 anos de música ininterrompida da man do seu director e fundador, Manuel Martínez Álvarez-Nava. Trátase dun acontecemento de vital importancia, pois non só é unha magnífica oportunidade para consolidar un proxecto de futuro, senón que serve para mirar atrás, contemplar o camiño realizado e reflexionar.
A ‘clásica’ é unha entidade pola que pasaron máis de 655 instrumentistas procedentes principalmente de Vigo e da súa contorna. Nos seus concertos estiveron presentes 145 solistas e se interpretaron máis de 520 obras. Nesta tempada 2024/25 o obxectivo estará en presumir de talento e xenialidade local, da man de solitas da contorna como Serg Gómez, Cristina Nogueira, Mauro Mariño Suárez e Jennifer Gómez Vilar.
«Para nós, a música é un elemento esencial da cultura que nos permite explorar e celebrar o patrimonio, a historia e os espazos en comunidade. Entendemos a importancia esencial que supón incorporar o traballo da nosa formación orquestral á axenda cultural dos veciños e das veciñas, pois sabemos que coma en calquera tipo de arte, sen público non hai concerto», aseguraban dende a organización.
A tempada estará composta dun ciclo de 6 concertos, que se celebrarán no Teatro A Fundación de Vigo e terán un custe por adulto de entre 6 e 18 euros. As entradas poden adquirirse na web de A Taquilla.