jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsO PaísA criminalidade descendeu na provincia de Pontevedra no que levamos de 2024

A criminalidade descendeu na provincia de Pontevedra no que levamos de 2024

Nas cidades baixaría un 0,54% e nas zonas rurais, un 1,56 %. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, destacou a tendencia favorable no mes de agosto

O subdelegado do Goberno en Pontevedra coñeceu esta mañá os datos das estatísticas de criminalidade na provincia entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto. Estes reportan un descenso en toda a provincia e concretamente, dun 0,54% no ámbito urbano e dun 1,56% no territorio rural.

A Xunta Provincial de Seguridade analizou estes datos en presenza do comisario-xefe provincial, Juanjo Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o tenente coronel da Garda Civil, Óscar Grañas; o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Piteira, e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez.

Na Demarcación da Policía Nacional, é dicir, no ámbito das comisarías de Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín, o descenso permitiu pasar dun total 12.149 delitos entre xaneiro e agosto do 2023 a 12.084 no mesmo período deste exercicio do 2024. A Garda Civil, pola súa banda, reportou unha baixada de 9.742 feitos delituosos a 9.590 na mesma comparativa.

Losada remarcou que a provincia «está moi por de baixo da taxa de criminalidade do conxunto de España»

Abel Losada concluíu que o ano 2024, que comezara mal en termos estatísticos, “foi evolucionando moi favorablemente, ata o punto que houbo un mes de agosto moi favorable que contribuíu decisivamente a cambiar a tendencia”.

Ante isto, Losada lembrou que unha boa parte dos ilícitos penais cométense no verán e, unha vez incorporados os meses de xullo e agosto, “imos tendo unha foto máis realista da evolución da delincuencia na provincia”.

O subdelegado subliñou que, ano tras ano, acredítase que a provincia de Pontevedra “non só é un territorio seguro, senón moi seguro porque está moi por baixo da taxa de criminalidade do conxunto de España, e iso débese, en gran parte, ao extraordinario traballo e á profesionalidade de todos os axentes da Policía Nacional e a Garda Civil”.

Os comisarios trasladaron tamén os bos resultados nos que se está traducindo o reforzo das patrullas a pé de rúa da Policía Nacional, tanto en forma de intervencións de substancias ilegais como de armas.

A sinistralidade viaria entre as tipoloxías que engrosan este balance

En canto ás tipoloxías delituosas, a Xunta Provincial de Seguridade valorou especialmente o descenso que se rexistrou nos malos tratos no ámbito familiar, categoría que, entre outras, engloba a violencia de xénero, dado que hai unha baixada dun 14,07% no territorio das comisarías e dun 7% no da Benemérita.

Losada aclarou que iso non significa que descenda o número de mulleres acollidas ao sistema VioGén, dado que moitas veces as denuncias refírense a feitos pasados ou continuados e, ademais, creouse o “protocolo cero” para protexer tamén ás vítimas que, pola razón que sexa, non presentan denuncia e que, obxectivamente, considérase que deben estar no sistema.

Neste ámbito, a Subdelegación do Goberno vai impulsar a celebración das mesas de coordinación cos 14 concellos da provincia adheridos a VioGén, unha vez incorporada a nova responsable da área.

Finalmente, deuse conta da evolución da sinistralidade viaria, que acumula xa 20 persoas falecidas nas estradas da provincia no que vai de ano e, sobre todo, no número de usuarios vulnerables (especialmente motociclistas), que engrosan este balance, polo que é necesario continuar coa política de campañas de concienciación.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS