sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas e Mistura Vocal presentan o VIII Festival de Música Coral Internacional...

Ponteareas e Mistura Vocal presentan o VIII Festival de Música Coral Internacional ‘Outono en Son’

Terá lugar o sábado 5 de outubro, ás 20:00 horas, na antiga Nave de Aceiros do Tea

O Concello de Ponteareas e Mistura Vocal presentaron a oitava edición do festival de música coral ‘Outono en Son’, que terá lugar o próximo sábado 5 de outubro, ás 20:00 horas, na antiga Nave de Aceiros do Tea.

O coro anfitrión Mistura Vocal, dirixido por Aloia Martínez, compartirá espazo cos coros convidados: o Coura Voce, de Paredes de Coura e baixo a dirección de Vítor Lima, e o Concerto Tempo de Ferrol, dirixido por José Antonio Mato. Todos eles, que contan cun importante palmarés en diferentes concursos corais nacionais e internacionais, tratarán de aportar a máxima calidade ás súas interpretacións o que, xunto á espectacularidade do enclave arquitectónico, farán desfrutar a todo o público.

Hai dúas novidades importantes nesta edición. A primeira delas é que o evento trasládase á antiga Nave de Aceiros do Tea, un lugar emblemático situado no corazón da vila de Ponteareas, construída na década dos anos 60, catalogado como patrimonio industrial, que moi pronto cambiará debido ás obras de restauración que a converterán no mercado municipal.

A segunda novidade é que a xornada será máis longa xa que se engade esa mesma mañá, entre as 11:00 e as 13:30 horas, un obradoiro de canto común aberto ao público, dirixido polas directoras e directores dos coros e pola profesora de técnica vocal. Nel, os cantores dos tres coros compartirán momentos de traballo musical conxunto. Traballo que será mostrado na rúa ás 13.45 horas.

As persoas que desexen participar deberán inscribirse nun formulario online que atoparán nas redes sociais do coro Mistura Vocal (Instagram e Facebook), así como no código QR que aparece na carteleira do festival. A inscrición é totalmente de balde. Deste modo, “Outono en Son” pasa a ser unha actividade que se poderá desfrutar tamén de modo activo.

“O Concello de Ponteareas aposta firmemente un ano máis por este festival, achegando así ao público a música coral a través dunha selección de coros galegos e portugueses, que se atopan na vangarda da música coral. O éxito deste festival é un feito, non hai máis que recordar o aforo completo da anterior edición e cun público entregadísimo. Estamos seguros de que se repetirá nesta edición chea de novidades”, salientou o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS