Celebrarase mañá venres, sábado e domingo nas instalacións do Club Hípico Equigalia
Máis dun centenar de xinetes e amazonas daranse cita esta fin de semana en Tui para participar no II Concurso Nacional de Saltos que se celebrará nas instalacións do Club Hípico Equigalia, en Marco de Friande. Tras o éxito da edición de 2023 o club tudense, coa colaboración co Concello de Tui e a Federación Hípica Galega, organiza esta competición, unha das tres de carácter nacional que se celebran en Galicia.
Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, a presidenta do Club Hípico Equigalia, Elvira Crespo, a directora do concurso, Paula López e a secretaria do club, Natalia Blanco.
O alcade de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que “é unha inmensa satisfacción que Tui se converta na capital do Concurso Nacional de Saltos”. Engadía que “sumamos unha proba deportiva máis ao amplo elenco de eventos deportivos que se celebran no municipio ao longo do ano”. Enrique Cabaleiro amosou o seu recoñecemento ao traballo que realizan dende o Club Hípico Equigalia manifestando que “froito dese traballo, compromiso e dedicación se chega á celebración deste concurso nacional de saltos en Tui”. Aproveitou o rexedor tudense para reiterar o compromiso do concello co apoio ao deporte en xeral e á hípica en particular, lembrando a gran afección que hai na zona ao mundo do cabalo. Por último convidaba a acudir a presenciar esta proba esta fin de semana.
O vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, destacou na súa intervención que en Galicia só se celebran dous concursos nacionais de Saltos, e este de Tui – que terá lugar por segundo ano consecutivo – é o terceiro. Ao longo da fin de semana haberá máis de 120 saídas a pista, segundo indicou, salientando que participarán xinetes moi importantes, con títulos nacionais e mesmo un olímpico, pero tamén haberá participantes de todas as idades. Por outra parte referiuse ás instalacións, cuxa preparación se ultima estes días, sinalando coma na pista se empregou xeotextil para amortiguar o salto dos cabalos no circuíto. Haberá amais bautismo hípico con ponis para cativos e cativas e unha zona de restauración.
A directora do concurso, Paula López, amosou a súa satisfacción por poder organizar esta competición tras o éxito acadado o ano pasado. Salientaba que “este ano duplicamos a lista de inscritos, os boxes, melloramos as pistas, temos material novo, agardamos que todas as persoas participantes volvan quedar moi satisfeitos”. A competición comezará xa mañá venres ás 14.30 h e continuará tanto o sábado coma o domingo dende as 10.30 h. Pero amais dos saltos, que serán espectaculares, destacaba Paula López, que tamén realizarán probas moi divertidas coma o Jump&Run por equipos, unha competición na que un xinete ou amazona e un corredor terán que realizar con zigzag, saltos… gañando o equipo que realice o percorrido no menor tempo.
Tui prepárase para converterse esta fin de semana na capital da hípica con este Concurso Nacional de Saltos, que atraerán aos afeccionados ao mundo do cabalo, pero tamén ao público en xeral para disfrutar dun gran espectáculo deportivo.