Os militares forman parte dunha operación conxunta entre a Consellería de Medio Rural da Xunta e o Ministerio de Defensa, en activo dende o pasado 15 de agosto ata o 1 de outubro, de reforzo para loitar e previr os incendios forestais. Trátase dunha estratexia de despregamento de patrullas terrestres nas zonas da comunidade con maior actividade incendiaria, unha delas nas comarcas do Condado – Paradanta, con sede na Cañiza.
Nesta visita o alcalde puido escoitar de primeira man a situación actual deste operativo, que nestes momentos é de máxima alerta e «agradeceu o labor desenvolvido durante este verán no término municipal». Unha labor de vixiancia continua, de disuasión, visibilidade e de interacción coa nosa veciñanza, co obxectivo de rebaixar en todo o posible os índices de actividade incendiaria nos montes da zona.
Neste encontro, un ano máis, Luis Piña reiterou “o compromiso e plena vontade do Concello de colaborar na loita contra os incendios” e agradeceu a “esencial labor que desenvolve o exército, baixo o mando único da Xunta, dende que no ano 2007 comezara esta operación de loita contra os incendios forestais“.
Pola súa banda, o operativo militar tamén agradeceu a boa acollida que durante todo o despregamento recibe tanto dos veciños como da Institución Municipal, afirmando que o aloxamento e as instalacións ofrecidas polo Concello son dunha alta capacidade operativa.
As patrullas despregadas na Cañiza teñen o centro e unidade de mando na Casa Cultural «O Pateiro» de Oroso, adaptado para acoller esta operación dende o ano 2019.