A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salienta que Galicia supera xa os obxectivos da Unión Europea para 2030 en materia de redución de emisións de cara a acadar a neutralidade climática. Durante a súa visita ás instalacións de Televés nesta xornada, a conselleira puxo en valor que Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990, superando o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europea para o ano 2030.
A maiores, cómpre indicar que no que se refire ás emisións brutas é a segunda comunidade na que máis baixaron (33%) chegando a haber máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%.
O Goberno galego nos últimos anos traballou de cara a consolidar a Comunidade como un referente na loita contra o quecemento global con iniciativas como a Alianza galega polo clima, que pretende aproveitar sinerxías e buscar confluencias que multipliquen o efecto das accións individuais das entidades adheridas. “A colaboración público-privada é indispensable para conseguir a neutralidade climática en 2040”, afirmou a conselleira.