O Concello debe proceder á aprobación en Pleno deste instrumento que dotará de seguridade xurídica o desenvolvemento urbanístico da cidade
A Xunta remitiu ao Concello de Vigo, o informe favorable do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade.
Así o anunciou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa intervención na tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, baixo o lema “Construíndo a Galicia do futuro, máis humana e mellor conectada”.
Martínez Allegue subliñou a importancia deste paso, pois o PXOM é o instrumento que dota de seguridade xurídica o desenvolvemento urbanístico da cidade.
Desta forma e co informe favorable da Xunta como un dos requisitos imprescindibles, agora correspóndelle ao Concello considerar as suxestións e sometelo á aprobación do Pleno.
Túnel de Elduayen
No eido das infraestruturas en Vigo, a conselleira tamén indicou que a Xunta vai colaborar na construción do túnel de Elduayen.
Concretou que o Goberno galego está disposto a participar na financiación deste, despois de que Abel Caballero o solicitase esta mesma semana. Así, detallou que se introduciría unha partida para esta actuación nos Orzamentos para o ano 2025, se o Concello tamén o fai.
A conselleira tamén precisou que se destinará a esta intervención en Vigo a mesma porcentaxe de financiamento que se dirixiu ao túnel do Parrote na Coruña. Ademais de remarcar que a Xunta abordará este proxecto co Concello de Vigo na próxima reunión da Comisión de Infraestruturas entre ambas administracións.
Vivenda
No que se refire á vivenda, referiuse a Vigo como a cidade na que a Xunta está a desenvolver máis vivenda pública e na que hai máis inscritos no Rexistro Único de Demandantes.
Lembrou que tan só en Navia, o Goberno galego prevé 1.600 vivendas protexidas e a Estratexia de desenvolvemento de solo residencial permitiría na área de Vigo a construción de 9.000 vivendas máis.
Allegue fixo fincapé no reto da Xunta de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000 vivendas.
Licitacións de obra pública
A conselleira destacou que o departamento que dirixe, continúa avanzando no impulso de actuacións no ámbito das estradas e da vivenda na comunidade autónoma. Neste sentido, subliñou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten actualmente licitacións en curso por un importe que supera os 138 millóns de euros.
Este volume de contratación permitirá acometer proxectos estratéxicos como a recuperación da estrada AC-305 en Palmeira- Ribeira, o novo CEIP de Milladoiro ou a construción de 64 vivendas de promoción pública en Cambedo de Raia (Ourense), entre outros moitos.
Avanzou tamén licitacións previstas para os próximos tres meses cunha mobilización dun investimento de máis de 109 millóns de euros, que posibilitarán impulsar intervencións como, por exemplo, a VAC TUI-A Guarda, no treito Areas PO-350 ou a construción de vivendas de promoción pública en Lugo e a súa contorna.
Salientou que para avanzar nestas actuacións en materia de vivenda e infraestruturas é fundamental a colaboración das administracións, pero tamén do sector da construción, máis concretamente de enxeñeiros, arquitectos, promotores ou técnicos.