Está a crear na Avenida de República Arxentina unha obra inspirada nos cores tomiñesas coas que transmitir enerxía positiva
Tomiño mantén firme a súa aposta pola arte. O Concello acolle estes días por primeira vez ao artista internacional, Marion Ve. Un muralista colombiano recoñecido polas súas vibrantes creacións caligráficas que chegou ao municipio para deixar a súa pegada nun mural cheo de cor, enerxía e mensaxes inspiradoras na Avenida de República Arxentina.
O antigo edificio do Palomar será o lenzo para a nova obra do artista, que está de tour artístico por España realizando intercambios culturais e visitará cidades como Valencia ou Barcelona.
Tomiño forma parte da súa ruta, grazas ao traballo realizado pola agrupación Migrarte. Marion destacaba do municipio do Baixo Miño que “paréceme un sitio máxico, con espazos moi fermosos, por iso para min é moi emocionante pintar aquí e compartir a miña arte con toda a veciñanza”.
Unha interacción que poderá manterse ao longo desta semana, na que Marion Ve estará realizando o seu mural aberto ás preguntas e á charla cos veciños e veciñas, que poderán achegarse ao proceso creativo dun artista cunha traxectoria internacional que xa deixou a súa impronta en países como México ou Alemaña.
O obxectivo do mural do artista colombiano é «transmitir boa enerxía»
A súa obra, que levará o lema en galego ‘Sorrí, comparte a túa mellor enerxía’, é unha mostra do seu estilo único, que mestura ilustración, caligrafía e lettering. O seu obxectivo “é transmitir boa enerxía, facer que a xente sorría. Para min sorrir non é só a expresión da boca, é conectar cunha idea ou cun recordo que nos faga feliz. Cada persoa ten unha razón diferente para sorrir, só quero axudar a que cada quen atope a súa”, explica o autor.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia desta colaboración co artista colombiano a través da plataforma de intercambio de artistas Migrarte, “para nós é un orgullo contar coa estancia de Marion Ve na nosa vila, un artista que co seu mural non só embelecerá as nosas rúas, senón que dará luz, cor e unha nova vida a unha medianeira».
A arte mural, un proxecto que se traballa dende hai meses
Esta nova intervención en Tomiño únese a outros proxectos de arte mural que o Concello leva impulsando nos últimos meses.
O máis recente é o mural realizado pola artista guardesa, Tamara Baz, na rúa de Gondomar. Nesta obra homenaxea ao viveirismo, á planta e á muller, tan impoortantes no devir tomiñeses.
Mural de Tamara Baz na rúa Gondomar
Por outra banda, os muros do campo de fútbol de Goián é o lenzo dunha peza significativa do deporte e de Tomiño, facendo fincapé nos valores que transmiten como a igualdade e cunha referencia ao Goián FC.
O mural forma parte do proxecto de mellora destas instalacións tamén a nivel estético, decorando medianeiras e espazos públicos, levando a arte aos veciños e visitantes e facendo de Tomiño un referente cultural.