jueves, septiembre 19, 2024
InicioNewsActualidadeO CEIP Daría González recibe da Deputación 1,7 millóns de euros para...

O CEIP Daría González recibe da Deputación 1,7 millóns de euros para a súa reforma

O presidente provincial, Luis López, xunto co vicepresidente, Rafa Domínguez, visitou o centro educativo de Príncipe Felipe para comprobar o remate das obras

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este mércores o CEIP Daría González na Cidade Infantil Príncipe Felipe. A visita tiña como obxectivo comprobar o remate das obras de mellora da accesibilidade e eficiencia enerxética levadas a cabo no centro e que supuxeron o investimento de 1,7 millóns de euros.

O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; percorreu as instalacións e conversou cos membros da comunidade educativa.

“Este proxecto xorde da colaboración entre institucións, unha fórmula que está demostrado que é útil e que funciona. Seguimos tendendo pontes coas admisnitracións para que a provincia vaia a máis”, declarou o dirixente provincial sobre un proxecto que recibiu fondos europeos para a súa execución.

Neste colexio de educación infantil e primaria ubicado na Cidade Infantil Príncipe Felipe e de titularidade da Deputación, levouse a cabo o cambio da cuberta, a renovación das carpinterías exteriores e da fachada, a instalación de paneis fotovoltaicos no tellado, reformáronse os aseos, habilitáronse novas salas adaptadas para as diversas necesidades dos usuarios e instalouse un ascensor adaptado para persoas con mobilidade reducida.

«Imos dispoñer dun edificio en estado excelente, cunhas comodidades acordes ao tempo que estamos”, destacou López, quen lembrou que este centro educativo, igual que ocorre cos restantes ubicados nos terreos de Príncipe Felipe, están implicados no proceso de transferencia da titularidade asinado no protocolo entre a Deputación e a Xunta.

Así mesmo, o dirixente provincial lembrou que no último ano de goberno, a Deputación promoveu investimentos nos distintos equipamentos de Príncipe Felipe por valor de 3,2 millóns de euros para mellorar tanto este centro educativo como as infraestruturas deportivas ou a Escola Fogar.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS