Cun crecemento do 84% en usuarios no último lustro, a asociación quere seguir visibilizando a súa labor frente o Alzhéimer e a demencia
Con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, que se conmemora o vindeiro sábado 21 de setembro, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), en colaboración coa concellería de Política Social do Porriño, achegou a asociación á veciñanza cunha mesa informativa sobre todos os recursos que hai no Porriño.
AFAGA é unha asociación que naceu hai 30 anos e traballa con persoas con demencia neurodexenerativa e coas súas familias no sur da provincia de Pontevedra.
“No Porriño contamos cunha unidade terapéutica, para persoas diagnosticadas e en fase de dependencia; unidade de obradoiros ocupacionais de estimulación cognitiva e funcional, para persoas que están diagnosticadas e nas fases iniciais; e outra unidade de prevención destinada a persoas a partir dos 55 anos de idade, para ter un envellecemento activo co proxecto Cultiva a Mente”, explica Teresa Veloso, concelleira de Política Social.
Desde 2020 AFAGA atendeu a máis de 14.000 persoas: máis de 3.000 nos seus obradoiros de prevención, máis de 1.200 nos obradoiros ocupacionais e servizos de axuda no fogar, preto de 500 persoas nos Centros de Día, e case 9.500 familias de enfermos de Alzhéimer ou demencia. No que va de ano, xa se teñen atendido un 14% máis de persoas e familiares que en todo o 2023.
Desde AFAGA recordan que as persoas maiores de 55 anos interesadas en asistir aos obradoiros de prevención “Cultiva a Mente”, pódense anotar por Rexistro Xeral do Concello. E para os obradoiros de estimulación cognitiva e funcional para as persoas con diagnóstico, os interesados poden facelo a través dos Servizos Sociais do Concello.
O voluntariado tamén é benvido en AFAGA do Porriño. Calquera persoa maior de idade interesada en colaborar coa asociación, pode informarse chamando ao teléfono 986 33 00 03.