O pasado venres o Concello da Cañiza celebrou un pleno extraordinario para, entre outros asuntos, aprobar os festivos locais de 2025, establecendo como tales os días 9 de xuño (Romaría das Pascuillas) e o 15 de outubro (Santa Teresa).
Ademais, aprobouse inicialmente o expediente de expropiación para poder desenvolver os traballos de mellora do saneamento e da estación depuradora de augas residuais do casco urbano e aglomeracións limítrofes.
Unha actuación cun investimento de 1.307.910,32€, subvencionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil que será a encargada de executar as obras, e que se desenvolverán tras a sinatura o pasado 23 de marzo de 2023 dun convenio de colaboración entre o Presidente de CHMiñoSil, José antonio Quiroga e o Alcalde da Cañiza, tras rematar, por parte da Confederación e a petición do Concello, un estudo en profundidade dos problemas que viña arrastrando A Cañiza en materia de depuración, colectores e saneamento dende hai máis de 20 anos. Estas actuacións permitirán corrixir todos estes problemas.
Este 1º proxecto correspóndese coa primeira fase dun plan integral de saneamento para A Cañiza que precisará dun investimento total de case 8 millóns de euros. Trátase dun gran avance medioambiental para A Cañiza, grazas ao apoio do Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico do Goberno de España.
Este convenio, que se aprobou polo Pleno o 17 de febreiro de 2023, contempla o investimento necesario para o estudo e a realización das obras de reforma das depuradoras máis deficitarias e dos tramos da rede de saneamento do casco urbano máis deteriorados. Neste caso tramos de colectores do núcleo urbano, tramo final ata a EDAR e construcción dunha nova EDAR en Valeixe.
Para desenvolver as obras do casco urbano, principalmente no tramo último dende augas abaixo da coñecida zona do Regueiro ata a EDAR é preciso poñer a disposición da CHMIÑOSIL os terreos tal e como se recolle na claúsula 10 da Resolución do 27 de marzo de 2023 da Confederación, pola que se publica o Convenio co Concello da Cañiza, que indica que “O Concello da Cañiza porá ao dispor os terreos e as infraestruturas necesarias para a execución das obras”.
Despois de terse aprobado o proxecto de expropiación polo que se da conta da relación individualizada e valorada dos bens e dereitos a expropiar, no Pleno celebrado este venres 13 de setembro, aprobouse inicialmente o expediente para a obtención destes terreos, declarándose a súa utilidade pública.
Trátase dunha expropiación para executar as obras de reposición e colocación de nova tubaxe, con dereito de servidume. Un total de 23 parcelas que se ocuparán temporalmente en 3.581,42 m2 (en canto duren as obras) e definitivamente en 1.934,83 m2, cun valor expropiatorio de 4.820,99€.
Tras esta aprobación, ábrese un período de información pública de 15 días dende a súa publicación no BOP nun xornal dos de maior difusión da provincia, ademáis de notificar aos titulares destes bens para que poidan alegar o que consideren.
A empresa ANTEAGROUP precisou de 2 anos para auditar e examinar os problemas de depuración e de saneamento na Cañiza
A colaboración da Confederación incluiu tamén os traballos que dende abril de 2022 desenvolveu na Cañiza a empresa coruñesa Anteagroup. Esta enxeñería foi a encargada de redactar un estudo en profundidade das alternativas reais capaces de optimizar os actuais sistemas de depuración e a redacción dos proxectos derivados destes análises.
Anteagroup estudou en profundidade a problemática das estacións depuradoras de augas residuais urbana e industrial, das depuradoras SMA de Valeixe e de Achas e doutros colectores e fosas municipais, ademais de toda a rede de saneamento do casco urbano.