viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsComarcasNigrán reasigna os cartos do campo de fútbol de Camos ante a...

Nigrán reasigna os cartos do campo de fútbol de Camos ante a negativa da Comunidade de Montes

Tras a negativa da Comunidade de Montes de cumprir cos requerimentos de cesión da Deputación para que o Concello puidese realizar o campo de fútbol, o goberno local reasignará o orzamento de maís 287.000 euros a esta outra cuestión

O Concello de Nigrán reasignará os cartos consignados para a construción dun campo de fútbol en Camos, a cargo do «Plan +Provincia» da Deputación de Pontevedra, a obras de abastecemento e saneamento na localidade.

Este cambio do investimento prodúcese forzósamente, tras a negativa da Comunidade de Montes de cumprir cos requerimentos de cesión dos terreos da Deputación para que o Concello puidese realizar dita infraestrutura deportiva.

Inicialmente, o ente provincial pedira unha cesión temporal e, despois, solicitou unha permanente.

Ante o rexeitamento, o goberno local reasignará os mais 287.000 euros do plan e aos que lle suma de fondos propios con case 85.000 euros á ampliación do saneamento e abastecemento no camiño da Carballeira (Camos). Tamén se realizarán traballos valorados en 215.000 euros no saneamento en A Pateira (Nigrán).

“Eliximos estes investimentos porque xa dispoñíamos dos proxectos e era urxente axilizar a cuestión e, ademais, porque unha das obras é en Camos, onde precisamente tivemos que deixar de investir no campo de fútbol”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen considera “de primeira necesidade” levar o saneamento e o abastecemento a todos os rincóns do municipio.

As accións realizaranse tanto na parroquia de Camos como no centro de Nigrán

Actualmente, a rúa Pateira non dispón de saneamento e nalgúns dos seus tramos tampouco hai abastecemento. Por iso, o propósito das obras é conectar esta rúa coa rede existente, repoñéndose a continuación o pavimento afectado.

Parte desta actuación discorre por unha estrada autonómica, polo que é preciso a autorización previa da Axencia Galega de Infraestruturas que está a cargo da Xunta.

Por outra banda, no camiño da Carballeira contémplase dotalo dunha rede de saneamento a través dun colector que discorra ata a derradeira vivenda situada no punto máis baixo da estrada, onde un pozo de impulsión bombeará as augas residuais ata a rede actual de saneamento na EP-2102.

A maiores, dotarase ao camiño de rede subterránea de baixa tensión que permitirá eliminar o tendido aéreo nun futuro e ensancharase e mellorarase o vial cun novo muro de contención e extendido de pavimento de formigón.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS