Investígaselle por tres delitos contra a seguridade vial entre os que se atopan, condución con perda de vixencia do permiso de conducir e por facelo de forma temeraria
O feito tivo lugar o pasado luns día 09, cando un radar do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra detectou un vehículo circulando pola estrada VG-4.7, en Vilagarcía de Arousa, a unha velocidade de 184 km/h nun tramo limitado a 90.
Unha vez comprobado o exceso de velocidade, o condutor foi requirido no punto onde se atopaba a patrulla notificando as infraccións para que se detivese. A pesar das ordes dos axentes, o conductor continuo a gran velocidade e efectuando un adiantamento non respectando a liña continua.
Ante isto, alertáronse as demais patrullas en servizo da fuga deste usuario. Tras conseguir recorrer varios quilóemetros, finalmente é interceptado mais volveu a intentar fuxir dos axentes.
Unha vez identificado, o condutor, un veciño de Ribeira (A Coruña), de 43 anos, púidose comprobar que carecía de permiso de conducir por perda total de puntos e non realizara o preceptivo o curso de recuperación.
Tras a identificación, procedeuse á súa investigación por tres delitos contra a seguridade viaria, por exceder en máis de 80 km/h o límite permitido en vía interurbana, por conducir con perda de vixencia do permiso de condución e por facelo de forma manifestamente temeraria.
De ser considerado culpable pola Autoridade Xudicial, pode enfrontarse a unha pena de prisión de máis de dous anos, unha multa de ata tres anos ou traballos en beneficio da comunidade. A todo isto, sumaríaselle a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por un tempo superior a un ano.
O condutor tamén deu positivo na proba de drogas
Por outro lado, someteuse ao condutor ás probas de alcohol e drogas, nas que tivo un resultado positivo en varias substancias de drogas. Esta última, ao tratarse dunha proba indiciaria, tivo que tomarse unha segunda mostra que foi remitida ao laboratorio.
No caso de que se confirme o resultado, o condutor fará fronte a unha sanción de 1000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso por conducir coa presenza de drogas no organismo.
Este tipo de condutas constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral, e dos máis graves en particular, polo que son un grave problema de seguridade viaria, non só para os responsables senón tamén para o resto de usuarios da vía.