jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsA terraTomiño pon en valor a labor das mulleres rurais co homenaxe a...

Tomiño pon en valor a labor das mulleres rurais co homenaxe a súa veciña Hortensia

Alcaldesa e autoridades amosaron a súa admiración por unha muller símbolo de toda unha vida de loita, traballo duro e resiliencia

Unha emotiva homenaxe chea de palabras de agarimo para a súa protagonista, Hortensia Expósito, a Tena de Vilachán do Monte. Así foi como Tomiño celebrou o tradicional acto cívico do Alivio nunha Praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e veciños que quixeron arroupar a esta tomiñesa.

Tal e como explicaba a súa alcaldesa, Sandra González, Tena representa “a todas as mulleres do rural, esas que co seu esforzo, en silencio e sen pedir nada a cambio, son o alicerce das nosas casas e o facho de luz das futuras xeracións. Mulleres que non saen nos libros de historia, pero sen as que a historia non sería posible”.

No seu nome, no nome da constancia e da sabedoría que se atopa só no silencio do traballo ben feito, a rexedora desexou que “o exemplo de Tena e de tantas outras mulleres anónimas do rural nos siga inspirando. Que cada unha de nós, dende o noso lugar, sigamos loitando polo noso e por aquilo no que cremos, co mesmo esforzo e dedicación que elas amosaron. E que nunca esquezamos en Tomiño o papel fundamental que estas mulleres, nais e avoas, xogaron na nosa historia”.

Un homenaxe que demostrou a admiración da labor das mulleres do rural

Emocionada pola louvanza da súa vida feita durante o acto e o agarimo transmitido nas verbas da rexedora e do propio presentador da cerimonia, Suso Pando, na súa intervención, Hortensia Expósito lanzou unhas palabras de recoñecemento a todas as persoas que a acompañaron ao longo da súa vida.

Toda unha vida de traballo, sacrificio e esforzo permanente pola súa familia, pero tamén polo ben común. Porque foi Tena xunto coas mulleres da época as que tronzaron con cortafogos, de arriba a abaixo, as plantacións de pinos da Forestal; elas as que fixeron quilómetros de regos das traídas dende o nacente preto de Pinzás ata as vivendas de Vilachán  para que a auga chegara ás casas. Dende a súa humuldade, Tena sinte que non fixo nada destacado, “só o que fixemos todas as mulleres naquela época: traballar duro e tirar adiante”.

“As mulleres do rural manteñen fogares, sosteñen familias, fan evolucionar sociedade se pobos. Son esas que aprenderon a aceptar a dureza da terra, pero tamén toda a súa xenerosidade. E que nos deixaron en herdanza algo que debemos recoñecer como fundamental: a curiosidade, a vontade de aprender, de crecer a través do coñecemento”, recalcou a rexedora tomiñesa.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS