A inscrición estará aberta dende o 18 de setembro ata o 2 de outubro e conta cun número de prazas é limitado
O Concello de Redondela organiza para o curso 2024/25 un obradoiro de interpretación. A actividade diríxise a un público a partir dos 12 anos de idade.
A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, explicou que este obradoiro, ademais de formar ao alumnado en artes escénicas e comunicación, “servirá tamén para poñer en valor os recursos patrimoniais de Redondela”. Desta forma, sinala que “tanto o patrimonio material como inmaterial do municipio estarán moi presente neste obradoiro, dando protagonismo a fitos como a Batalla de Rande ou a figura das Madriñas de San Simón”.
As clases comezarán o próximo 3 de outubro e terán lugar no Multiusos da Xunqueira. No obradoiro traballarase en dous grupos, por un lado, un que comprenderá dende os 13 aos 16 anos e que terán clase os mércoles de 19:00 a 20:30 horas, e por outro, a partir dos 17 anos en horario de 17:00 a 18.30 horas tamén os mércores.
A participación na actividade ten un custo de 79,50 euros para todo o curso, desde outubro de 2024 ata maio de 2025. O obxectivo do Concello é «ofrecer unha actividade cultural de calidade que sea accesible para toda a veciñanza, xa que o prezo non chega aos 10 euros mensuais», sinala a concelleira de Cultura e Turismo.
O prazo de inscrición estará aberto dende o 18 de setembro ata o 2 de outubro. Os interesados poderán facelo no rexistro do Concello ou a través da páxina web. As prazas están limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.