jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsO PaísO BNG de Ourense demanda o aumento de persoal no Xulgado de...

O BNG de Ourense demanda o aumento de persoal no Xulgado de Celanova

Iago Tabarés sinalaba que «o cadro de persoal permanece invariable dende hai anos a pesares do notable incremento da entrada de asuntos»

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Iago Tabarés, presentou por rexistro do Parlamento, unha iniciativa na que demanda á Xunta de Galicia o incremento do cadro de persoal no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Celanova. Ademais de solicitar con carácter inmediato, a dotación de persoal de reforzo no corpo de auxilio xudicial e no de tramitación procesual.

Iago Tabarés sinalaba que «procede de forma inmediata adoptar medidas de reforzo, xa demandadas polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial tras a inspección realizada no ano 2022» e explicaba que así solucionaríase «a tramitación ordinaria dos asuntos e eviten a crecente demora na resolución dos procedementos que se tramitan no Xulgado de Celanova».

Tamén aproveitou para resaltar que, esta situación está afectando á «saúde, física e mental, das traballadoras actualmente sometidas a un estrés continuo derivado de ter que atender un crecente número de expedientes cos mesmos recursos».

O Xulgado de Celanova abrangue ata 7 concellos

«O cadro de persoal permanece invariable dende hai anos a pesares do notable incremento da entrada de asuntos» explicaba Tabarés e quen continuou declarando que «se pasou na orde civil dos 288 de 2017 aos 473 do 2023, o que malia o esforzo das traballadoras, reflectido no medre dos asuntos resoltos, a pendencia neste período multiplicouse por tres».

Así pois, os datos contidos nas estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial evidencian, segundo Iago Tabarés, que «non é algo puntual deste exercicio, senón que se debe a un déficit estrutural do cadro de persoal e a súa falla de adecuación ao aumento da carga de traballo e das reformas lexislativas e procesuais».

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Celanova é o único que abrangue os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado e Ramirás.

Desta forma, o xulgado está atendido, ademais do persoal dependente da administración do Estado, por dúas funcionarias do corpo de xestión procesual, dúas do de xestión procesual e unha única persoa do corpo de auxilio xudicial. Esta última encárgase de asistir á sala un ou dous dias por semana e tamén das citacións e notificacións propias dos procedementos xudiciais e do Rexistro Civil.

Como consecuencia desta infradotación de persoal e segundo os datos publicado polo Consello Xeral do Poder Xudicial correspondentes ao exercicio do 2023, o número de asuntos pendentes na sección civil incrementouse nun 28%, na sección penal medrou nun 41% e en materia da violencia sobre a muller o incremento foi superior ao 100%.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS