jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasA raiña Urraca I protagoniza un novo faladoiro do programa Aquí faltan...

A raiña Urraca I protagoniza un novo faladoiro do programa Aquí faltan páxinas

O evento tivo lugar no Castelo de Sobroso e correu a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián e a historiadora experta en historia medieval feminina Carla Trincado

O Castelo de Sobroso acolleu hoxe un novo faladoiro do programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas. Neste caso, a institución provincial converteu en protagonista á raíña Urraca Primeira de León, unha muller “esquecida pola historia e recuperada a posterori”, como explicou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, durante a inauguración. O faladoiro, correu a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián, que publicou este ano ‘La temeraria’, un libro centrado na súa figura, e a historiadora experta en historia medieval feminina Carla Trincado. Ambas profesionais puxeron en valor a súa figura e a súa historia, na que Sobroso tivo moito que ver, pois foi o lugar no que foi cercada polos partidarios do seu fillo.

“É importante descubrir mulleres como ela, a primeira muller monarca en toda Europa en exercer un reinado de pleno dereito, cuxo poder foi cuestionado por intentar cambiar as regras e rematar cos privilexios”, asegurou a deputada de Igualdade, quen incidiu en que “precisamos construír referentes para as nosas nenas e mozas, que medren sabendo que hai moitas mulleres que brillaron e brillan nos diferentes ámbitos”.

Alcumada “a Temeraria” polo seu carácter batallador, filla e sucesora de Afonso VI e Constanza de Borgoña, en 1109 ascendeu ao trono do reino de León, que abarcaba tamén Galicia. Durante o seu mandato demostrou ser unha muller moi adiantada á súa época, que cambiou as regras que marcaban como debían comportarse as monarcas. A súa traxectoria, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, pode consultarse nun pódcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS