A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou hoxe a acción formativa sobre xeración de contidos organizada desde o Polo de emprendemento de Ferrol coa colaboración do Clúster do Ecommerce Galego. Enmárcase na aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, o primeiro programa de formación que se leva a cabo da man deste clúster e no que se bota man de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico para que os 23 proxectos elixidos aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña.
O programa está dirixido tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital. De feito, das 23 empresas escollidas, 11 xa venden online e outras 4 só teñen local físico, mentres outras 8 contan con ambas opcións habilitadas pero con interese en potenciar a venda electrónica. En concreto, a través de Xerme Ecommerce, avógase pola formación e pola mentorización, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes para que os emprendedores busquen oportunidades en todos os mercados, apoiados en expertos profesionais na materia.
No caso específico de hoxe, promóvese a aprendizaxe, a planificación e a creación de contido, xunto coas principais ferramentas que se poden utilizar e o tipo de contidos que se poden xerar. Así mesmo, abordouse como calendarizar as publicacións de maneira eficiente e un caso práctico de creación de guión, mesmo con nocións de edición básica.