jueves, septiembre 19, 2024
InicioNewsActualidadeO Rosal impulsa o benestar das mulleres coidadoras coa segunda edición de...

O Rosal impulsa o benestar das mulleres coidadoras coa segunda edición de «Cultivando Coidados»

Trátase dun proxecto que busca ofrecer un espazo para traballar o autocoidado persoal, fomentando a cooperación e fortalecendo as redes de apoio

O Concello do Rosal continúa co seu compromiso co benestar das persoas coidadoras, recoñecendo o seu labor como esencial. Por iso, vólvese a poñer en marcha a segunda edición de «Cultivando Coidados«, un proxecto que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das mulleres maiores de 55 anos.

A iniciativa vai destinada as mulleres adultas do Rosal, dando prioridade ás persoas máis veteranas e ás que teñan a cargo unha ou varias persoas con recoñecemento de dependencia.

Desta forma, o taller, que se conforma dun total de 14 sesións, comezou este martes no horario de 16:30 a 18:30 horas no Mercado de San Miguel. Estímase que a súa duración sexa ata o próximo 10 de decembro.

Un espazo onde traballar o autocoidado persoal

Nunha sociedade onde o coidado de maiores e doentes segue a recaer maioritariamente nas mulleres, este programa ofrece un espazo no que traballar o autocoidado persoal, fomentando a cooperación e tecendo redes de apoio entre todas as participantes.

“Este proxecto nace do compromiso de apoiar a quen coida e ofrecer ás mulleres coidadoras a oportunidade de centrarse no seu propio coidado, algo que adoita pasar a un segundo plano no seu día a día» sinalaba a alcaldesa do municipio, Ánxela Fernández.

A rexedora tamén explicaba que «con Cultivando Coidados buscamos non só recoñecer o seu labor, senón tamén brindarlles recursos para afrontar os desafíos emocionais e físicos que enfrontan a diario».

«Cultivando Coidados» conta entre os seus obxectivos principais introducir conceptos
sobre estereotipos e prexuízos de xénero, promover a reflexión sobre o significado do
coidado, incentivar o autocoñecemento e a posta en valor das mulleres coidadoras,
propiciar a interiorización e o uso de límites saudables e compartir prácticas de bo
trato cunha mesma e coa contorna.

Finalmente, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, valoraba que “enfrontarse ao reto de coidar a persoas dependentes pode ser unha carga pesada, especialmente para aquelas mulleres que levan anos asumindo esta responsabilidade» e recalcaba a súa importancia «este proxecto é un paso esencial para garantir que as coidadoras se sintan valoradas e acompañadas no seu camiño”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS