Tras detectar unha gran demanda no servizo de logopedia ampliarase esta atención, mantendo as consultas de psicoloxía e fisioterapia
O Concello do Porriño da un gran paso para mellorar a atención aos máis pequenos e asegurar que reciben o apoio necesario no seu desenvolvemento reforzando o seu servizo de Atención Temperá con máis persoal e mellores instalacións.
Este recurso, moi demandado pola veciñanza durante anos, comezou a súa actividade no Porriño no ano 2022 e desde entón serve de guía a centos de familias para tratar, da man de profesionais, trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos. No SAT do Porriño reciben unha atención conxunta e interdisciplinar abordando o desenvolvemento dos pequenos desde a psicoloxía, a fisioterapia e/ou a logopedia.
É neste último eido onde se detectou máis demanda, polo que se acordou ampliar o servizo de logopeda. Así se estipula nos pregos para a contratación do servizo que están xa en licitación, cun orzamento de 294.188,8 euros.
O reforzo deste recurso non pasa só pola ampliación do persoal senón que tamén se impulsa a súa reubicación nun local máis axeitado. A tal fin, xa se licitou a reforma e acondicionamento dun novo local na rúa Doantes de Sangue cun orzamento de máis de 72.478 euros, ao abeiro do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra. Este novo espazo, que terá unha superficie útil de preto de 200 m2, contará con tres despachos para consultas, tres aseos e unha sala de xogos, o que permitirá ofrecer unha atención de maior calidade e comodidade aos/as nenos/as e ás súas familias.
“Este recurso é de vital importancia e por iso queremos que se preste nas mellores condicións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Identificar e abordar de maneira temperá as necesidades do desenvolvemento dos pequenos e pequenas pode marcar unha gran diferencia no seu futuro e tamén no das súas familias. Ofrece unha orientación e un apoio necesario para axudar aos pais e nais a entender e tratar mellor as necesidades dos seus fillos”.