jueves, septiembre 19, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas reune ao xurado para aperturar as propostas do concurso para a...

Ponteareas reune ao xurado para aperturar as propostas do concurso para a nova Biblioteca Municipal

A nova biblioteca pública municipal será un espazo con lugares cómodos pensados para o encontro e as actividades colectivas

O Xurado do Concurso de Ideas para a rehabilitación do edificio do Mercado de Abastos en Biblioteca Pública Municipal procedeu á apertura de sobres das 104 propostas presentadas. Reunido o Xurado composto por María Gracia Amandi Joglar (arquitecta designada polo Colexio de Arquitectos); Alfredo Sirvent Silveira (arquitecto designado polo COAG), Inmaculada Serrano Plaza (técnico de Bibliotecas da Xunta proposta pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), Silvia Fernández Táboas, (arquitecta e Concelleira de Urbanismo) e presidido pola Alcaldesa Nava Castro realizou unha avaliación inicial que da paso ao estudo pormenorizado das propostas dentro desta fase de presentación de ideas.

“Estamos moi agradecidos e moi ilusionados polo importante número de propostas recibidas e polo interese amosado polo colectivo de arquitectos”, salienta a alcaldesa que quere tamén trasladar o seu agradecemento ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) entidade coa que o Concello deseñou o primeiro concurso de proxectos con intervención de xurado do Concello de Ponteareas aberto a todas e todos os profesionais da arquitetura”.

A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, informa que o Xurado disporá de tres semanas para estudar as propostas e así o día 24 de setembro seleccionar ás cinco finalistas para a segunda fase. Unha vez seleccionados serán invitados a presentar a súa idea desenvolvida a nivel de anteproxecto baixo o pago de 5 premios. Un segundo premio de 7.500, 00 €; un terceiro premio de 5.000, 00 €; un primeiro accessit de 2.500, 00 € e un segundo accésit: 2.500, 00 €. As persoas ou estudios responsables da proposta seleccionada serán os responsables da redacción do proxecto e dirección de obra.

“Nunha sociedade complexa, cambiante e diversa, é necesario ampliar visións e puntos de vista por iso esta alta participación contribuirá á elección da mellor proposta para o noso municipio”, explica a alcaldesa Nava Castro.

A nova biblioteca pública municipal será un espazo con lugares cómodos pensados para o encontro e as actividades colectivas; diferenciará espazos privilexiados da biblioteca para permitir a fala e mesmo a música nalgúns momentos programando horarios para usos e distintas actividades; tamén estará en sintonía coa vila, é dicir, servir aos seus intereses, afianzar o sentido de pertenza dos seus habitantes, colaborar co cambio que buscan os veciños cara a unha mellora do nivel de cultura e do nivel de vida e garantirá a accesibilidade porque “ademais de que os espazos admiten comportamentos diferentes, un proxecto de biblioteca para a igualdade ten que considerar ante todo a forma en que convida e axuda a todos a sentirse cómodos”, matiza a concelleira Silvia F. Táboas.

A edil de Urbanismo engade que un elemento básico do proxecto de biblioteca é o seu carácter participativo, creativo e innovador, o proceso de participación debe formar parte desde os seus inicios, desde o momento que se pensa o seu deseño arquitectónico. “Por tanto, a participación é a historia e o futuro da biblioteca. Que significa iso? Trátase de buscar unha fórmula adaptada a cada caso que permita escoitar a voz das entidades sociais e veciñais do ámbito onde se van a instalar as novas bibliotecas xerando co propio proceso de participación unha incipiente rede de apoio e colaboración entre a futura biblioteca e os seus potenciais usuarios/as”.

A proposta gañadora debe atender a criterios de integración urbana, accesibilidade e sustentabilidade no deseño e construción da nova biblioteca, tamén a criterios para fortalecer o espazo público vinculados á edificación e deberá entender o gran potencial como espazo de centralidade cultural e revitalizador dun barrio onde se reforzará e afianzará o seu carácter público e colectivo.

“A nova biblioteca será un espazo de creación, no que o deseño e as súas funcións deberán estar conectadas con espazos de carácter aberto que permitan o desenvolvemento da creatividade, especialmente os destinados á infancia e a mocidade, espazos de educación a través do xogo e da experiencia sensorial podendo propoñerse un discurso interactivo no que se hibriden os recurso tradicionais que viñeron ofrecendo as bibliotecas con outros de carácter interactivo”, conclúe a F. Táboas.

As persoas interesadas poderán consultar na páxina web do Concello no apartado de convocatorias a acta do xurado na que se poden ver os proxectos admitidos. Tamén se poderá consultar no portal de licitacións do Estado.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS