A entidade local licita a mellora de dous parques da parroquia de Cans, o da Graña e o do río Couso, dous en Torneiros, o da Fase I e o do Centro Cultural Alba, o parque de Costeira en Pontellas e o da Forna en Budiño
O Concello de Porriño segue apostando pola mellora da calidade de vida dos seus cidadáns, especialmente dos máis pequenos. A concellería de Parques Infantís, que dirixe Marcos Martínez, vén de licitar a mellora de cinco parques infantís e unha área biosaudable. Este proxecto, que conta cun orzamento base de máis de 65.000 euros, financiarase ao abeiro do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.
Estes traballos levaranse a cabo en dous parques da parroquia de Cans, o da Graña e o do río Couso, dous en Torneiros, o da Fase I e o do Centro Cultural Alba, o parque de Costeira en Pontellas e o da Forna en Budiño.
Entre as melloras máis destacadas inclúese o cambio do pavimento absorvente de impactos no parque da Graña, que se realizará con dúas capas de caucho para garantir a seguridade dos nenos e nenas. No río Couso, repararase o pavimento existente e engadiranse novos elementos biosaudables.
O parque da Fase I tamén verá importantes cambios, como a instalación dun valo para protexer a zona de xogo e a inclusión de porterías de fútbol sala. Pecharase o recinto cunha cancela no acceso e restauraranse todos os elementos da área de xogo infantil. No Parque Alba, retiraranse os elementos biosaudables en mal estado e substituiranse por novos.
Ademais, no parque da Costeira instalarase un novo valo e restauraranse todos os elementos de xogo, mentres que na Forna colocarase céspede artificial antiestático, crearase unha nova área de xogo de area e instalaranse novos elementos.
Para garantir que todos/as os/as usuarios/as coñezan as normas e idades recomendadas, colocaranse carteis informativos en cada parque. “Estas melloras non só embelecerán os espazos, senón que tamén proporcionarán unha contorna máis segura e divertida para a cativada”, explicou o concelleiro, “Queremos que os nosos parques cobren nova vida e nesa liña traballamos”.
Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, indicou que “somos conscientes de que queda moito por facer, pero seguimos e seguiremos traballando ata mellorar todos os parques do Porriño. Os nosos pequenos e pequenas merecen ter as mellores zonas de lecer”.