jueves, noviembre 21, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoO polígono de San Paio de Navia de Vigo acollerá vivendas protexidas

O polígono de San Paio de Navia de Vigo acollerá vivendas protexidas

No Polígono 1 de Navia están previstas 733 residencias deste tipo, das que xa están en tramitación as 359 que son de promoción pública e a finais deste 2024 sairán a concurso as outras 179 vivendas, de promoción privada

“Vigo é a gran aposta da Xunta en vivenda protexida”, así o destacou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na visita realizada á ampliación do polígono de San Paio de Navia en Vigo. Nesta ubicación, a Xunta ten en marcha investimentos por 111 millóns de euros para a construción de vivenda protexida. Martínez Allegue xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, subliñou que Navia “exemplariza o traballo que estamos a facer dende a Xunta en materia de vivenda”, xa que “é a cidade onde se está a desenvolver máis vivenda pública”.

Así, na ampliación de San Paio de Navia están previstas 1.600 vivendas protexidas, distribuídas en tres polígonos: 733 no Polígono 1, das que 359 son vivendas de promoción pública; 719 no Polígono 2, das que entre setembro e outubro se licitarán xa os proxectos de 297 vivendas de promoción pública, e finalmente están previstas 147 vivendas protexidas no Polígono 3. Ademais, a Administración autonómica tamén investiu 24 millóns de euros na adquisición de solo.

A conselleira lembrou que no último Consello da Xunta se aprobou a licitación da redacción do proxecto para a construción de 43 vivendas de promoción pública no Polígono 1, “o que supón completar ao 100% as 359 previstas neste ámbito”. Neste polígono estanse a executar xa as obras de urbanización, que está previsto rematar no primeiro trimestre do 2025, e se desenvolverán de xeito paralelo aos traballos construtivos dos edificios residenciais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS