jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidadeA Deputación e a Asociación Amigos da Ópera de Vigo firman un...

A Deputación e a Asociación Amigos da Ópera de Vigo firman un convenio de 30.000 euros

Unha achega que supón 10.000 euros máis que o pasado ano para apoiar a programación de «Outono Lírico» e que comezará este sábado día 14 co recital “Viva Verdi” no Teatro Afundación

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o presidente da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, Daniel Diz, asinaron no día de hoxe un convenio de colaboración entre ambas entidades.

A través deste acordo, a institución provincial achega 30.000 euros para promover a tempada de “Outono Lírico” en Vigo. Isto supón, como lembrou a vicepresidenta provincial, 10.000 euros máis que o ano pasado, “o que supón un importante esforzo económico para a Deputación, porque temos claro que a ópera, a música e a cultura en xeral teñen que chegar á cidadanía e estar próximas a ela”.

Unha programación que comeza este sábado 14 de setembro ás 20:00 horas no Teatro Afundación co recital “Viva Verdi”, estenderase ata finais de outubro e encherá a cidade de óperas como un dos grandes xéneros da lírica, mais tamén de conferencias, presentacións e debates nos que a música e as grandes figuras e xoves promesas serán os protagonistas.

Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para agradecer a Daniel Diz, e a todo o equipo da histórica asociación viguesa “por seguir facéndonos desfrutar, ano tras ano, con esta gran cita, parte fundamental da programación cultural e musical de Vigo”. Nas súas palabras, ese traballo é o que fixo “que desde a Deputación non dubidásemos nin un instante á hora de colaborar con eles, porque o esforzo de levar adiante este tipo de programacións debe ser compartido”.

“Co noso apoio a esta iniciativa buscamos impulsar a presenza da ópera na programación cultural da provincia, e de Vigo en concreto, ao tempo que axudamos a divulgar o traballo de compositores e intérpretes deste xénero”, concluíu a vicepresidenta da Deputación.

«Outono Lírico», unha nova forma de acercar a ópera á poboación

O “Outono Lírico” contempla un total de once actividades ao longo deste mes e medio de programación. O calendario contará, ademais da representación de “Viva Verdi”, coas de “Terra e Mare” e “Madama Butterfly” tamén no Teatro Afundación.

Ademais, diferentes espazos da cidade acollerán o programa Ópera no cine, con “Ariadne auf naxos”, “Werther”, “Diere Zwerg” e “Memorias dunha Geisha”.

En canto ás conferencias, estas celebraranse baixo os nomes de “Terra e Mar. As cancións de Puccini”, “Madama Butterfly. Pasaporte ao sono americano?” e “Alfredo Kraus. O arte do canto”. Ademais, o Auditorio Martin Códax acollerá a gala de Novas Voces da Lírica Galega, dedicado á xove soprano galega Iria Goti.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS