O Concello acadou unha subvención de case 30.000 euros financiada por fondos Feader, estatais e autonómicos para a erradicación de tres especies invasoras en Forcadela
Un rabaño de ovellas será a clave para combater a flora exótica invasora en Tomiño. O Concello xa ten en marcha un proxecto innovador a través do que se empregará o gando como parte dunha solución sostible para eliminar especies que ameazan a biodiversidade na área protexida da Rede Natura 2000 situada en Forcadela.
Con esta iniciativa, o Concello reforza o seu compromiso coa conservación do patrimonio natural con iniciativas “que non só axudan a conservar os espazos naturais de Tomiño, senón que tamén fomenta métodos respectuosos co medio ambiente e sostibles, que son o camiño que debemos seguir se queremos preservar o noso patrimonio natural para as futuras xeracións”, como destacou a alcaldesa local, Sandra González.
O proxecto busca continuar co traballo iniciado polo Concello de Tomiño nos últimos anos para a protección dos espazos da Rede Natura 2000. Deste xeito, as ovellas participarán no proceso de eliminación dos exemplares de Phyllostachy spp e de Arundo donax.
Deste xeito, tras a retirada da parte aérea da planta de forma mecanizada con tractor de cadeas e manual dependendo das condicións do terreo, introduciranse ás ovellas nas parcelas para que se alimenten dos restos da trituración da parte aérea e do rebrote dos rizomas para debilitar o máximo posible as plantas, impedindo que volvan crecer. Unha vez realizado, pasarase un arado para levantalos e extraelos de forma manual ou cun cultivador e volverá a darse paso ao gando para que se alimenten dos posibles rebrotes que aínda poidan quedar.
Un proxecto que consolida o traballo realizado nos últimos anos
Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “as ovellas converteranse nas nosas mellores aliadas para manter en equilibrio este espazo tan valioso, contribuíndo á eliminación das especies invasoras sen ter que recorrer a métodos químicos ou agresivos para o medio ambiente”.
O traballo incluirá tamén a eliminación manual da coñecida como herba da fortuna ou orella de gato, unha especie con gran capacidade de invasión en zonas como as ribeiras dos ríos. Neste caso, a eliminación levarase a cabo de xeito manual, retirando tanto a parte aérea como os estolóns en toda a superficie e repasando nunha segunda fase os rebrotes.
Este novo proxecto consolida o traballo realizado nos últimos anos polo Concello de Tomiño “no noso firme compromiso coa natureza e a biodiversidade, un camiño no que seguiremos traballando para conservar, recuperar e rehabilitar o noso patrimonio natural, medioambiental, ecolóxico e cultural”, recalcou Casaleiro.
Para levar a cabo este proxecto, que se desenvolverá durante os anos 2024 e 2025, o Concello acadou unha subvención de case 30.000 euros cofinanciada a cargo do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia con a achegas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), así como da Xunta de Galicia e fondos estatais.
Sandra González, alcaldesa de Tomiño fala sobre a iniciativa: