O actual goberno municipal de As Neves, liderado polo alcalde Jose Manuel Alfonso, lamenta profundamente a campaña de desinformación que intenta promover o BNG respecto da situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no concello. Esta situación «é o resultado dun contrato licitado durante o mandato do anterior goberno do BNG, un contrato claramente desaxustado e precario que deixou ás traballadoras do SAF nunha posición vulnerable durante os últimos anos» aseguran os mandatarios.
«Dito contrato, asinado polo BNG, non contemplaba as subas necesarias do IPC nin a revisión anual dos salarios, o que provocou que as traballadoras foran perdendo poder adquisitivo ano tras ano. Agora, o BNG pretende posicionarse como o salvador dunha situación que eles mesmos xeraron, cando son plenamente conscientes de que a raíz do problema é a mala xestión do seu propio goberno».
O actual equipo do Partido Popular, enviou as bases para que se licite un novo contrato con prezos axustados á realidade e con revisións anuais de incrementos salariaise fiscais. «O obxectivo do novo contrato, é garantir que esta situación non se repita, asegurando unhas condicións laborais dignas e sostibles para as traballadoras que prestan un servizo tan esencial á nosa comunidade», afirma o alcalde.
«É sorprendente que o BNG agora trate de impugnar este novo contrato, unha acción que parece ter como única finalidade xerar malestar entre o persoal do SAF e atrasar aínda máis o proceso de licitación» sosteñen dende o goberno.
O alcalde Jose Manuel Alfonso asegurou que dende o goberno «seguimos traballando con profesionais para asegurar que o novo contrato se axuste á normativa vixente e mellore as condicións laborais das traballadoras» e engade «hai que facer un chamado á responsabilidade política» e solicita ao BNG que «explique claramente ás traballadoras do SAF quen é o verdadeiro responsable da precariedade laboral que estiveron sufrindo».