A Galega é a segunda Comunidade Autónoma que máis nenos acolle, cun total de 300, despois de Andalucía
Hoxe despediuse ata o ano que vén no Pazo de Mos aos 110 nenos e nenas saharauis que pasaron as súas Vacacións en Paz na provincia de Pontevedra. Foron despedidos pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social de Mos, Sara Cebreiro.
Peinador é o punto de chegada e partida dos 300 pequenos saharauis que viñeron este ano a Galicia, sendo a Galega a segunda Comunidade Autónoma do país que máis nenos acolle, despois de Andalucía.
11 pequenos deste programa promovido e organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui pasaron o verán con familias acolledoras mosenses. O Concello de Mos colabora con este programa e coa Asociación mediante un convenio anual asinado no que se lle fai unha aportación económica, facilitando os autobuses ata e desde o Pazo de Mos, así como o espazo para a recepción e despedida no auditorio do Pazo de Mos. Ademais, os cativos asentados en Mos durante o verán puideron gozar do Campamento Municipal Infantil ‘Mañás de Verán’ así como saídas á piscina ao aire libre de San Eleuterio, entre outras iniciativas organizadas polo Concello, de balde. O Concello de Mos participa no programa Vacacións en Paz organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui desde fai moitos anos.
“Fai moita falla que poidan saír dos campamentos o maior número de nenos posibles, xa que están a pasar por momentos moi duros, con moita falla de axuda humanitaria. Coa acollida as familias poderán darlles unha alternativa para evitar a súa estancia nos Campamentos durante os meses de xullo e agosto, por teren as temperaturas máis altas (máis de 50ºC), facilitar a asistencia sanitaria e de alimentación, e promover os valores de solidariedade entre o Pobo Galego e o Pobo Saharaui”, declararon a este respecto a rexedora local Arévalo e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro.
Asistencia médica
Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán. Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria. Unha causa solidaria que trae sorrisos a nenos e nenas que o necesitan.