O XVII Dirt Track Xacob Agra é a proba escollida pola piloto para o seu debut nesta disciplina que se celebrará o sábado día 7 no Porriño
As Festas do Cristo do Porriño volven traer ruxido, velocidade e emoción ao velódromo municipal, que acollerá o XVII Dirt Track o vindeiro sábado 7 de setembro ás 21:00 horas. O Moto Club Papaya organiza este evento deportivo coa colaboración do Concello do Porriño e anuncia a participación da piloto Sandra Vázquez, no que será o primeiro Dirt Track de España no que corra unha muller.
A presentación do evento tivo lugar na praza do Arquitecto Antonio Palacios e contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o presidente do Moto Club Papaya, Joaquín Agra, e os pilotos Dani Suárez e Sandra Vázquez.
Sandra Vázquez afirmaba, “Síntome máis gladiadora que nunca!” A mosense amosa a súa gran emoción polo seu debut no Dirt Track que supón unha celebración á vida e un símbolo de superación: “Descubrín o enduro, unha paixon oculta, que, cando empezaba a disfrutar desta modalidade, diagnosticáronme un linfoma de Hodgkin que me tivo apartada das competicións durante dous anos. Pero a paixón que sinto pola moto, esa adrenalina que me fai sentir poderosa, axudoume moitísimo coa enfermidade. Chegaba á casa despois de poñer a quimio e subíame á moto… Pensaba que, as miles de caídas e golpes, o granizo, o vento e o barro, era moito máis duro que a quimio. Así, con esa motivación, fun pasando o proceso da enfermidade. Agora que estou ben, é un pracer inmenso, unha emoción que non me cabe no peito, poder por fin competir no Dirt Track Xacob Agra, xa que as dúas últimas probas tocoume vivilas desde a barreira. Esta fin de semana é o momento de facelo
realidade sendo ademais a primeira muller de España en competir nesta disciplina, e na miña terra, ao ladiño da casa, onde poden vir todos os meus seres queridos e compartir toda esta ledicia con eles… Isto si que é un regalo», conta Vázquez.
“Este é un evento moi esperado no Porriño, xa na axenda de todos, que esperamos o ruxido dos motores e vibrar con toda esa emoción da carreira. Vai ser, sen dúbida, unha noite grande para o motociclismo en Galicia. E estaremos aí apoiando e dando visibilidade a este deporte e aos seus protagonistas”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
A proba desenvolverase, como cada ano, en eliminatorias por grupos: clasificatorias, repescas, semifinais e finais. A Dirt Track do Porriño atrae pilotos e espectadores de toda Galicia e do norte de Portugal e xa casi están cubertas as 21 plazas ofertadas na proba para adultos. A proba infantil será unha exhibición. O ano pasado máis de 500 persoas acudiron ao velódromo a gozar do espectáculo.
“Teño moito respecto á moto na estrada”, confesa Vázquez. “No monte é distinto, estás ti soa coa natureza e o teu corpo vai moi protexido. Na estrada hai outros moitos factores que che poden por en perigo. Teño amigos que xa non están aquí…”.