Porá a disposición da entidade espazos para as tarefas de información, asesoramento e orientación laboral, así como para a realización de actividades
O Concello de Tomiño formalizou recentemente un convenio de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) co obxectivo de favorecer a inclusión tanto social como laboral e mellorar a atención á diversidade no concello.
Este acordo, que sela unha colaboración que xa levaba anos desenvolvéndose de xeito informal, pretende consolidar as iniciativas emprendidas e maximizar os beneficios para ambas as partes, poñendo a disposición de COGAMI os espazos municipais para as tarefas de información, asesoramento e orientación laboral, así como a realización de charlas ou talleres de sensibilización en materia de discapacidade, actividades vinculadas ao Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego.
O convenio establece unha serie de proxectos e actividades que promoverán a inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida comunitaria. Entre os beneficios previstos, está a posta en marcha de estratexias que faciliten a inserción laboral e o desenvolvemento persoal.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que «este acordo con COGAMI supón un novo paso para a normalización e o respecto aos dereitos de todas as persoas. Comprometémonos a traballar conxuntamente para seguir garantindo que cada cidadán do noso concello teña a oportunidade de desenvolverse plenamente».
Pola súa banda, o presidente de COGAMI, Anxo Antón Queiruga, destacou a importancia de oficializar esta colaboración, «a alianza que cultivamos ao longo do tempo permitiunos impulsar proxectos que melloran a calidade de vida das persoas con discapacidade. Agora, con este acordo, poderemos ampliar as nosas actuacións e conseguir un impacto aínda maior».