lunes, septiembre 16, 2024
InicioNewsActualidadeSalceda será a sede da segunda andaina solidaria de Cáritas Louriña

Salceda será a sede da segunda andaina solidaria de Cáritas Louriña

A andaina terá lugar o 14 de setembro con explicacións históricas de Marco Rivero

A Igrexa de Santa María de Salceda foi o escenario escollido para a presentación da II andaina solidaria de Cáritas Louriña, que se realizará o vindeiro 14 de setembro ás 9:30 h coa participación dos Concellos de Salceda de Caselas, O Porriño e Mos tras o éxito da primeira edición celebrada o pasado 18 de abril no Porriño.

Nesta ocasión, as persoas participantes partirán dende a Igrexa de Santa María, percorrendo diferentes puntos de interese histórico como o Pazo de Pegullal, o peto de ánimas da Bugarina ou o recentemente recuperado Carreiro do Rollo, entre outros. A andaina contará ademais con explicacións históricas en cada unha destas paradas a cargo do salcedense Marco Rivero. O remate da ruta será na Praza do Concello, onde as persoas participantes poderán degustar o prato máis típico de Salceda, os tradicionais callos, para o cal se conseguiu tamén a colaboración do grupo Coren e das diferentes panaderías do municipio.


A inscrición ten un custo de 5 euros para todas as persoas maiores de 14 anos, sendo gratuíta para a cativada. Tamén se aceptan donativos a través do número de Bizum 08323 incluíndo o concepto “Andaina”. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ou solicitar máis información no número de teléfono 662 455 815 ou nas sección de Cáritas das súas respectivas parroquias.


A recadación da II Andaina “Camiñando en solidariedade” irá destinada a sufragar os gastos da actividade social de Cáritas no Arciprestado da Louriña. Cáritas Parroquial atende na Louriña a 70 familias. Co fin de centrar nas persoas a atención, recentemente cambiou o seu tradicional modelo de axuda social de doazón de alimentos e roupa por un novo sistema de entrega de tarxetas económicas.


Tal e como indican, desta maneira dignifican o proceso de atención e responden mellor ás necesidades e particularidades dos seus usuarios/as. Ademais ofrecen nas súas parroquias de Salceda de Caselas, O Porriño e Mos obradoiros de formación e búsqueda de emprego,, atención a maiores, obradoiros de costura, e acollida e acompañamento como acción central.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS