O venres día 6 ás 20:00 horas apertura de espazo enogastronómico na Praza Bugallal con degustacións e postos de comida e o sábado día 7 ás 10:00 horas apertura dos máis de corenta postos de artesanía e produto tradicional
Ponteareas recreará esta fin de semana as feiras de principios do século XIX e atrezada para a ocasión recibirá a feirantes e visitantes. Corenta postos de venda de produtos artesás e tradicionais, postos de degustacións e música e baile tradicional atraerán un ano máis a milleiros de persoas que dende o venres pola tarde ao domingo quererán trasladarse a outras épocas.
A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, convidan a participar de todas as actividades das festas de setembro nas que se celebran esta fin de semana Os Remedios, o día 21 o LVI Concurso de Gaitas do País e a partir do día 25 San Miguel, patrón do municipio.
Este venres ás 20:00 horas abriranse os postos enogastronómicos da praza Bugallal e contorna na que haberá degustacións gratuítas de produtos de Galicia da man da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e de produtores locais que nos ofrecerán delicias doces e salgadas previas á lectura do pregón.
O comunicador e humorista Roberto Vilar subirá ás 21:00 horas ao balcón da Casa do Concello para ser o pregoeiro da XVI Feira dos Remedios e XXXVII Festival Folclórico do Condado. Con el arrancarán as festividades con propostas diarias para todos os públicos.
Roberto Vilar, actor e presentador, foi premio Mestre Mateo ao mellor comunicador no ano 2010 por «Land Rober»; no ano 2011 Chimpín de Prata no Festival de Cans e no 2016 Premio Iris como Mellor Programa Autonómico por “Land Rober Tunai” Show. Presentou no 2018 “La noche de Rober” en Antena 3 e dende o ano 2020 o programa “Quen anda aí” en Televisión de Galicia.
Despois do pregón ás 22:00 horas actuación de Camiñantes na Praza Maior dentro do programa +música da Deputación de Pontevedra e ás 23:30 horas verbena con Ritmo Joven na Praza Maior. Mentres na praza Bugallal seguirán abertos os postos de comida e degustacións.
O sábado día 7 XVI Feira Tradicional dos Remedios e XXXVII Festival Folclórico do Condado abre os seus postos ás 10:00 horas nas rúas da contorna da Praza Bugallal e neles poderemos adquirir produtos de alimentación, artesanía, cerámica e olaría, marroquinería, calceta e gancho, coiro e calzado, complementos ou xoiaría entre outros. Tamén abrirán os postos de degustación e comida na Praza Bugallal.
Ademais, poderemos participar nos obradoiros de decoración para calquera idade de 10:30 a 13:30 horas ou no de pintura téxtil de 16:30 a 19:30 horas. As demostracións de forxa e de talla de madeira estarán abertas de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas. Ás 22:00 horas actuación de Black Lovers e Alteanos na Praza Bugallal e ás 23:30 horas verbena coa orquestra Florida Band na Praza Maior.
O domingo día 8 ás 11:30 horas xogos tradicionais na rúa Vidales Tomé, ás 19:00 horas tirada de foguetes, ás 19:30 horas misa solemne con procesión acompañada coa banda de música Unión de Guláns que tamén ofrecerá un concerto ás 21:30 horas na Praza Bugallal. Ás 22:30 horas verbena coa orquestra Pontevedra na praza Maior.
Alcaldesa e tenente de alcaldesa convidan a vestirse «como os nosos antergos para visitar a feira e desfrutar das compras, das degustacións, dos obradoiros deseñados para todos os públicos e das demostracións que amosarán os oficios artesáns e unha parte da historia da vila».
O luns día 9 ás 19:00 horas haberá visita guiada ao Castro de Troña e as persoas que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a bibliotecamuseo@ponteareas.gal.
A semana continua con xogos populares o martes día 10 e o mércores día 11 na Praza Maior e nos Xardíns da Xiralda respectivamente e o xoves día 12 no parque da Perillana, día no que tamén haberá ás 19:00 horas unha visita guiada ao cemiterio de Ponteareas.