O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, despediu hoxe, no aeroporto de Vigo, aos 289 nenas e nenos saharauís que regresan ás súas casas despois de pasar o verán con familias de acollida no marco do Programa Vacacións en Paz, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
A Xunta de Galicia súmase a proxectos de axuda como o de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, facendo unha doazón de medicamentos e material sanitario. Así, o Servizo Galego de Saúde, coa colaboración do Hospital Álvaro Cunqueiro da área sanitaria de Vigo, preparou un envío de medicamentos e produtos sanitarios para tratar patoloxías agudas e crónicas.
En concreto, envíase medicación para situacións de emerxencia, medicamentos para tratar a dor, a febre e procesos infecciosos, pero tamén patoloxías como a asma, a hipertensión a diabetes ou o tratamento de feridas. Así mesmo, envíase material sanitario para diagnóstico de patoloxías infecciosas e crónicas (glicómetros, lancetas e tiras reactivas para medir glicosa dos diabéticos) e produtos de atención obstétrica á muller embarazada. Tamén se enviou material de protección dos profesionais sanitarios, como luvas, máscaras e xel hidroalcohólico. Destaca o envío de 3.000 dose de antibióticos, 2.500 de analxésicos, 200 sistemas de soro, 600 catéteres intravenosos e xiringas.