A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música o espectáculo musical “Camiñantes e Cantantes” que se celebrará maña, venres 6 de setembro, ás 22:00 horas na Praza Maior de Ponteareas. Con +Música, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
“Camiñantes e Cantantes” é un repaso pola música popular galega desde mediados do
século XIX ata a actualidade a través das distintas variantes do Camiño de Santiago. Integran a actuación músicos da orquestra La OcaBand, o actor Manuel Manquiña no rol de condutor, ou Pepo Suevos co monólogo inicial do espectáculo. Durante as preto de dúas horas de show, a música irá acompañada de imaxes aéreas do camiño tomadas con drons, ademais doutros xogos visuais que se proxectarán nas pantallas.
Este espectáculo musical forma parte da programación das Festas de Setembro de Ponteareas. Ademais, é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.