lunes, septiembre 16, 2024
InicioNewsActualidadeMos subvenciona a actividade extraescolar de inglés para obter o Certificado Trinity

Mos subvenciona a actividade extraescolar de inglés para obter o Certificado Trinity

A iniciativa desenvólvese por terceira vez tras o éxito obtido nos cursos pasados

O Concello de Mos informa de que xa se atopa aberto o prazo de inscrición na actividade extraescolar de Inglés –Trinity, para o alumnado de Primaria. As clases comezarán o 1 de outubro e o prazo para inscrición na actividade será ata o 25 de setembro. Así a concellería de Educación da administración local desenvolve a terceira edición da actividade extraescolar de inglés para o alumnado mosense, tras o éxito das dúas pasadas.


A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, informaron da apertura do prazo de inscrición na iniciativa e salientaron que no orzamento municipal deste ano 2024 incrementouse a partida xeral destinada a Educación, chegando aos 536.750,87 euros. E dentro dela, a dotación económica de actividades extraescolares duplicouse.


A actividade extraescolar de Inglés organízase para a obtención do Trinity por parte dos escolares que a cursen e está subvencionada polo Concello. Trátase dun programa municipal organizado en colaboración coas ANPAs. Durante o pasado curso escolar 2023-2024 participaron un total de máis de 200 escolares.


No vindeiro curso 2024-2025 a actividade levarase a cabo en cada centro escolar, mantendo o día e horario dos cursos pasados:
Luns CEIP Atín-Cela de 16.30 h a 17.30 h.
Martes CEIP de Petelos de 16 h a 17 h.
Mércores CEIP M. Martínez Alonso de 16 h a 17 h.
Xoves CEIP Pena de Francia de 16 h a 17 h.
Venres CEIP M. Valverde Mayo de 16.15 h a 17.15 h.


O alumnado divídese en función do curso no que se atope e tendo en conta a proba de avaliación que se lle fai ao comezo das clases. Farannse os grupos o máis reducidos posible en función dos inscritos por curso, para ter un seguemento máis persoalizado por alumno/a. As clases teñen unha duración dunha hora e son impartidas por profesorado bilingüe, con gran experiencia e vocación. O custo da actividade é de 5 € ao mes.


Esta iniciativa está promovida polo Concello de Mos en colaboración coas ANPAs dos 5 colexios públicos mosenses: CEIPs Atín-Cela, Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda, Pena de Francia e Petelos. O programa impartirase durante todo o presente curso escolar dentro das actividades extraescolares organizadas polas ANPAs que se realizan nos centros educativos. Durante o curso prepararase ao alumnado participante para a obtención do Certificado Trinity. Os exames Trinity son probas que outorgan títulos oficiais de inglés recoñecidos mundialmente mediante o Trinity College London.


As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, destacan “a importancia que o inglés ten para o futuro académico e laboral dos nosos nenos e mozos, é unha das claves para o éxito profesional e fundamental para desenvolverse en países do estranxeiro. É una ferramenta imprescindible para eles, da que queremos dotalos para que o futuro de Mos estea o mellor preparado posible”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS