lunes, septiembre 16, 2024
InicioNewsActualidadeDúas visitas temáticas no Setembro Xudeu de Tui esta fin de semana

Dúas visitas temáticas no Setembro Xudeu de Tui esta fin de semana

O sábado visita nocturna con degustación de viño kosher e o domingo con momento musical

Esta fin de semana continúan as actividades programadas polo Concello de Tui para a celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía agrupadas baixo a denominación de “Setembro xudeu en Tui”. Así este sábado, ás 22 h haberá unha visita guiada nocturna polo patrimonio xudeu tudense que incluirá, para todos os participantes, unha degustación de viño kosher. O domingo dende as 11.30 h realizarase unha nova visita temática sobre a presenza de comunidades xudías na nosa cidade que percorrerá diversos lugares significativos deste legado cultural e abranguerá tamén un momento musical que amenizará o percorrido da visita.


Ambas visitas darán comezo na Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira e a asistencia é libre e gratuíta.


A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, expresa a súa satisfacción por estas visitas temáticas que supoñen un xeito diferente de achegarse ao acervo patrimonial xudeu e criptoxudeu que atesoura a nosa cidade e que o Concello de Tui promociona xuntamente coas 21 cidades integradas na Red de Juderías de España.

Engade a concelleira que o complemento ideal a estas visitas é participar, todos os venres e sábados de setembro, na ruta de tapas de bacallau das Xornadas Gastronómicas Sefardís en oito establecementos tudenses que ofertan tapas co bacallau coma protagonista a un prezo de 2€.


A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS