Esta renovación incluíu o cambio de céspede artificial por un de última xeración, a substitución dos proxectores de luz por tecnoloxía LED e novos canóns de rego e porterías
A renovación do Campo de Fútbol Municipal de Chapela xa é unha realidade. A alcaldesa, Digna Rivas, visitou as instalacións do novo campo xunto co edil de Deportes, Iván Valles, e o presidente do CF Chapela, Jose Benito Hermida, nunha cita á que acudiu tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, sinalou que cumpre así “co seu compromiso para este mandato de realizar o cambio de céspede en Chapela coa primeira subvención para dotacións deportivas que recibise o Concello”. Ademais, a rexedora local explicou que esta reforma foi posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos.
O campo de fútbol, construído no ano 2006, presentaba un importante deterioro, “polo que era moi necesario acometer esta obra e dar resposta ás necesidades de toda a rapazada que fai deporte nestas instalacións”, sinala Rivas.
As labores realizadas responden ás necesidades
As obras permitiron substituír o céspede artificial en todo o terreo que, aproximadamente, son uns 6.000 metros cadrados. A nova superficie é “de última xeración, un céspede lastrado con area de sílice e caucho”.
O concelleiro de deportes, Iván Valles, explicou que coa reforma, conserváronse as dimensións do campo de fútbol 11 e dos dous campos de fútbol 8, coa súa respectiva marcaxe.
Por outro lado, o campo conta tamén con nova iluminación, xa que se cambiaron os proxectores de luz antigos por outros con tecnoloxía LED, “o que supón a mellora da eficiencia enerxética ao tempo que cumprimos coas condicións lumínicas para o xogo”, sinala Valles. Tamén cambiáronse os canóns de rego por uns novos, así como as redes das porterías de fútbol 11.
O financiamento fíxose a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra cun importe de case 260.000 euros.