lunes, septiembre 16, 2024
InicioNewsActualidadeO Pincho Folk regresa a Salceda con 14 locais participantes

O Pincho Folk regresa a Salceda con 14 locais participantes

O sector hostaleiro pediu a volta da iniciativa, que deixou de celebrarse durante a última lexislatura

O Concello de Salceda de Caselas, xunto co sector hostaleiro, veñen de presentar a VII edición do Pincho Folk, que se celebrará os venres e sábados do 6 ao 28 de setembro. Tras a petición feita por diversos hosteleiros e hosteleiras, dende a Concellaría de Comercio que dirixe Selene González, apóstase pola recuperación dun evento que nas seis edicións anteriores tiña acadado grande éxito, pero que deixara de celebrarse durante a anterior lexislatura.


Un total de 14 establecementos sumáronse á ruta, repartíndose entre a ruta dos venres e a ruta dos sábados. E como non podía ser doutro xeito, a música tradicional estará presente coa participación de un grupo da localidade durante cada unha das xornadas, deixando tamén aberta a participación a cantas persoas queiran sumarse de xeito libre ou con outros grupos.


O sector hosteleiro presentou xa os seus pinchos con propostas tan diferentes como miniburger, fabada, tosta de queixo, timbal de patacas, xarrete estofado, e así ata catorce platos diferentes, todos eles ofertados a 1,50€.


Ademais dos locais, tamén as persoas participantes terán protagonismo, podendo votar polo mellor pincho e optando a premios como unha fin de semana de enoturismo na Ribeira Sacra para dúas persoas, un bono tamén para dúas persoas no “Palacio del agua” de Mondariz, un lote productos formado por viño e embutidos, ou 15 vales de compra de 20€ para canxear nos establecementos de ACISA.


Selene González, Concelleira de Comercio afirmaba que “iniciativas coma estas contribúen á dinamización do sector hostaleiro, e polo tanto á dinamización de Salceda, co enriquecemento que ofrecen os grupos de gaitas aos que lles agradecemos tamén a súa prediposición a participar na ruta”.


Pola súa banda, Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda aseguraba que “a volta do Pincho Folk é unha nova moi positiva para Salceda e para o sector hostaleiro. Durante seis anos gozamos desta iniciativa que encheu a Salceda de vida durante as noites de setembro, e estamos convencidas de que de novo vai ser un éxito. Toca felicitar a Selene González e ao sector hostaleiro por dinamizar Salceda e ofrecer unha nova alternativa de ocio”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS