O Concello conseguiu abonar en tempo récord a totalidade das facturas pendentes por valor de case tres millóns de euros
O Concello de Redondela conseguiu abonar a totalidade das facturas pendentes por un valor de 2,7 millóns de euros. Con isto, informan que a débeda existente «saldouse moito antes do prazo establecido», o cal se estimaba que os pagos rematasen de realizarse no mes de outubro.
Para poder chegar a este obxectivo, os pagamentos comezaron a realizarse a mediados de xullo e remataron a finais de agosto.
A alcaldesa, Digna Rivas, agradece “a gran labor dos traballadores do Concello que conseguiron adiantar os prazos previstos e a totalidade das facturas están saldadas xa, o que demostra que non existe ningún problema de Tesourería neste Concello”.
O Concello anuncia que a situación financieira de Redondela «está saneada»
Por outro lado, a rexedora lamenta que «o PP provocase unha alarma social con mentiras, porque a realidade é que o Concello non está en quebra, nin houbo intervención ningunha, e os pagos fixéronse tal como anunciamos no seu momento, mesmo máis rápido do previsto en tan só mes e medio”.
“Queda demostrado que a situación financeira do Concello de Redondela está saneada, cun remanente de Tesourería de case 3,7 millóns de euros que permitiu facer o pago das facturas, e con débeda cero”, sinala Rivas.
As facturas pagadas corresponden, a gran maioría, ao curso de 2023 e algunhas de finais de 2022. Dende o Concello explicaron que os pagos «quedaran pendentes por unha avaría informática moi grave que sufriu o departamento de intervención o ano pasado».
Pola súa parte, o concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, denuncia que “intoxicación mediática por parte dos populares» e engadía que “só busca entorpecer o traballo do goberno municipal e provocou numerosos prexuízos á veciñanza”.
O edil destacou que “a falsa alarma creada polos populares sobre a situación financeira do Concello fixo que varios provedores deixasen de subministrarnos material, co que moitas obras e arranxos que era necesario realizar en diferentes puntos do municipio non puideron facerse”.