domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal busca fomentar a escritura en galego co I Concurso de...

O Rosal busca fomentar a escritura en galego co I Concurso de Relato Curto

Unha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración coa Xunta dirixida a persoas de todas as idades que aposta pola creatividade e a cultura local

O Rosal fai unha aposta pola promoción da literatura galega coa primeira edición do Concurso de Relato Curto. O Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia, acaba de anunciar o seu lanzamento para presentar así, unha proposta que busca transformar a creatividade en galego nunha actividade lúdica e enriquecedora.

Esta primeira edición pretende non só dinamizar o uso da lingua galega, senón tamén fomentar a participación literaria, especialmente entre a mocidade, fortalecendo o eido cultural do municipio.  

Como sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, “con este concurso queremos crear un espazo onde a lingua galega sexa a protagonista, onde recoñecer a creatividade da veciñanza e no que todas as persoas poidan expresarse libremente, sen importar a súa idade”.

O concurso divídese en tres categorías

O concurso está aberto a todas as persoas non profesionais e estará dividido en tres categorías: infantil que será ata os 11 anos, xuvenil que é de 12 a 17 anos e adulta que será a partir dos 18 anos.

A temática desta primeira edición será libre, garantindo o anonimato das e dos autores, aínda que o xurado poderá desbotar calquera relato que considere non apropiado para o certame.

As bases do concurso recollen premios para as tres primeiras persoas seleccionadas en cada unha das categoría, así como un diploma para os participantes e unha copia dun pequeno recompilatorio que se fará cos relatos seleccionados. Entre os galardóns, haberá por cada categoría un eBook Kindle para os primeiros e segundos premios e un lote de libros para cada un dos tres finalistas.

As persoas interesadas en participar poderán presentar xa os seus relatos de forma presencial no Rexistro do Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas seguindo as indicacións das bases ou a través do formulario habilitado na páxina web municipal.

En relación a esta información, o xurado non terá acceso a ela para así, garantir o anonimato de todos os participantes.

A data límite de presentación será o venres 1 de novembro de forma presencial ou o sábado 2 a través da web.

Na avaliación das propostas terase en conta a calidade da redacción, a capacidade de comunicación, a orixinalidade e complexidade do relato e os recursos literarios utilizados.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS