jueves, noviembre 21, 2024
InicioO PaísA CoruñaO TSXG impón 11 anos e medio de cárcere a un home...

O TSXG impón 11 anos e medio de cárcere a un home que atacou cunha navalla á súa familia

O autor foi declarado de dous delitos de lesións con medio perigoso, dun delito de ameazas e doutro de malos tratos de xénero cometido no domicilio familiar e en presenza de menores

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) impuxo 11 anos e medio de cárcere a un home que atacou cunha navalla á súa parella e ao seu fillo de seis anos, que tentou protexer á súa nai, no domicilio familiar de Santiago de Compostela. A Sala do Civil e Penal rebaixou en catro meses a pena imposta pola Audiencia Provincial da Coruña -catro anos e catro meses de prisión- polo delito de lesións do artigo 148 do Código Penal cometido sobre o seu fillo porque nas súas conclusións provisionais, tanto o fiscal como a acusación particular, reclamaron por ese delito catro anos de cárcere.

A Sala do Civil e Penal rexeitou, con todo, a petición de rebaixa de penas realizada polo procesado respecto aos outros delitos polos que foi condenado, pois entende que as penas son “xustas, respectuosas co designio normativo e proporcionadas”, polo que “nada xustifica unha modificación do seu alcance ou extensión”. En concreto, foi considerado autor de dous delitos de lesións con medio perigoso -sobre a súa parella e sobre o seu fillo-, coa concorrencia da circunstancia agravante de parentesco; e, nun deles, tamén a de xénero; así como dun delito de ameazas e dun delito de malos tratos de xénero cometido no domicilio familiar e en presenza de menores.

No relato de feitos probados da sentenza da Audiencia Provincial, ratificado polo TSXG, consta que durante a agresión coa navalla, en maio de 2022, o menor de seis anos “se interpuxo tratando de axudar á súa nai e impedir que continuase a agresión, poñéndose no medio e tentando arrebatar a navalla ao seu pai, á vez que gritaba: ‘papá, por favor, non mates a mamá’”, polo que sufriu varios cortes na man dereita. Os maxistrados consideraron acreditado que o condenado “actuou coa finalidade de impoñer a súa vontade sobre a da súa parella, ao non aceptar as súas decisións sobre a súa propia vida”.

Na resolución tamén indican que tres meses antes do ataque coa arma branca, en febreiro de 2022, o día antes de irse de viaxe, propinoulle á vítima unha labazada que fixo que caese ao chan. Ademais, os xuíces afirman que, durante a súa estancia no estranxeiro, “chamaba e enviaba mensaxes reiteradamente á súa parella” de carácter ameazante. O TSXG rexeitou o recurso presentado polo Ministerio Fiscal, no que solicitaba que se condenase ao acusado por un delito de asasinato tentado, en lugar de por un delito de lesións con medio perigoso respecto á súa parella.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS